Antón Sánchez: “Os recortes de Feijóo fan que en zonas como Verín a xente non poida ter proxectos de futuro”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda sinalou este xoves que reclamará ao presidente no vindeiro Pleno que rectifique a decisión de pechar o paridoiro.
Publicado por o día 12/12/2019 na sección de Galicia,Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez: “Os recortes de Feijóo fan que en zonas como Verín a xente non poida ter proxectos de futuro”

O voceiro do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez sinalou este xoves que no vindeiro Pleno do Parlamento “centrámonos no recorte de servizos públicos que practica sistematicamente o goberno do PP. A pregunta ao presidente será sobre esa decisión do peche do paridoiro de Verín dende todas as ópticas, o ataque aos dereitos das mulleres e á sanidade pública”. Sánchez indicou que “estes recortes inflúen en que zonas como Verín sexan lugares onde a xente poida ter proxectos de futuro.  Temos que pensar como país a maneira de poñer os recursos necesarios para deter esta sangría, non só demográfica, senón tamén de desequilibrio entre o interior e a costa”

Sánchez incidiu en que “durante 10 anos os efectos do campión da austeridade que é Feijóo son acumulativos e chegamos ao punto no que hai cousas que están comezando a colapsar”. Así, engadiu que “por criterios economicistas péchase o paridoiro de Verín, pero preguntámonos a onde vai parar isto. Vendo que o saldo vexetativo de Galicia é o peor do Estado e a evolución das provincias de Ourense e Lugo, onde acabaremos? Con servizos só no eixo atlántico?”

En materia de vivenda, Sánchez anunciou que se formulará unha pregunta ao goberno tras coñecerse os últimos datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, que indican que en Galicia aumentan os desafiuzamentos por impago de aluguer, mentres no resto do Estado baixan. “Hai casos de desafiuzamentos nos que a Xunta non pode garantir unha alternativa habitacional, como o da Patiña en Cambre, onde a xente está sendo presionada para deixar as vivendas, propiedade agora dun fondo voitre, pero no seu día foron de protección oficial”, lembrou o voceiro. “O incremento dos prezos do aluguer e dos desafiuzamentos son produto de decisións políticas moi concretas e de falta de política  de vivenda pública. A Xunta non quere ter política de vivenda pública porque iso afectaría os negocios dos poderosos”, criticou.

Con respecto ao sector cultural, o Grupo Común da Esquerda presentará unha PNL na que demandará políticas diferentes a “un goberno que funciona contra a súa lingua e a súa cultura, e ao que lle incomoda calquera espírito crítico que poida xurdir nese espazo”, apuntou Sánchez.

Por último, en relación ao debate orzamentario, o voceiro incidiu en que “o PP utiliza o Parlamento como un trámite que ten que cumprir, pero non confía no traballo da Cámara, onde a metade dos galegos e galegas tamén teñen algo que dicir ao respecto dos Orzamentos”. Sen embargo, “non hai a máis mínima vontade de consensuar nada, é un rodillo constante e estase deixando sen voz á metade da cidadanía galega. Moito máis cando son uns Orzamentos que non ofrecen solucións aos problemas da xente e seguen perdendo peso en relación á riqueza do país, en consonancia coa ideoloxía de Feijóo de que ten que minguar o público para que os grandes do sector privado gobernen servizos sociais e servizos públicos vitais”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.