Antón Sánchez: “Os recortes matan e coa saúde das persoas non se xoga”

Anova denuncia os recortes de Núñez Feijóo e chama a tomar as rúas de Santiago este domingo para defender a nosa sanidade pública.
Publicado por o día 07/02/2020 na sección de Anova,Política

Antón Sánchez: “Os recortes matan e coa saúde das persoas non se xoga”

O noso Portavoz Nacional Antón Sánchez afirmou que “os dez anos de goberno do Partido Popular foron dez anos de ataque á sanidade pública e foron dez anos de recortes progresivos”. Por iso Anova chama a participar na manifestación que a plataforma SOS Sanidade Pública convoca este domingo 9 de febreiro e que vai saír dende a Alameda de Compostela ás 12.00 horas.

O que aconteceu en Verín é só un exemplo máis de como se está a planificar o desmantelamento da nosa sanidade, fomentando a precariedade do servizo mediante as listas de espera e das condicións laborais dos propios profesionais. Nese sentido compre lembrar que non estamos só diante da defensa dunhas condicións laborais dignas, estamos diante do deterioro dun servizo público que pretende beneficiar determinados intereses co obxectivo de fomentar a sanidade privada.

Como afirmou Antón Sánchez, “non queremos que lle dean máis negocio á sanidade privada a costa da nosa saúde”, por iso queremos facer un chamamento ao conxunto da nosa sociedade para que o vindeiro domingo se manifeste na defensa dun dereito que dificilmente pode ser ao mesmo tempo un negocio. Para defender a nosa sanidade pública, os dereitos sociais e as nosas propias vidas, debemos estar ao carón dos traballadores e traballadoras da nosa sanidade pública.