Antón Sánchez pide ao Defensor do Pobo que requira información á Xunta sobre a reapertura da mina de Touro e critica a obstaculización do goberno galego

O deputado no Parlamento galego realizou unha avaliación positiva da xunta con esta institución pola “receptividade e a vontade a cooperar para que o Goberno galego informe sobre a situación do expediente administrativo do proxecto
Por o 24/06/2019 | Sección: Anova,Política
Antón Sánchez pide ao Defensor do Pobo que requira información á Xunta sobre a reapertura da mina de Touro e critica a obstaculización do goberno galego
Compartir en:

O deputado no Parlamento galego e portavoz nacional de Anova IN mantuvo este mediodía unha xunta na sede do Defensor do Pobo en Madrid co Director do Gabinete desta institución, Francisco Virseda, e o Responsábel de Medio Ambiente, Pedro Maura, para abordar o estado do proxecto de reapertura da mina de Touro. Á xunta escusouse Francisco Fernández Marugán por se atopar nun acto co xefe de estado.

Á saída da reunión, Antón Sánchez resaltou a receptividade, “a sintonía e o grao de coñecemento que o gabinete do Defensor do Pobo posúe do tema da mina de Touro en particular, pero da política en materia de extracción mineira en Galiza en xeral”. Trasladoulles “o bloqueo constante da Xunta no acceso á información sobre o expediente da mina de Touro así como noutros proxectos”, pedíndolle a intermediación para que esta institución se dirixa ao Goberno galego e aporte a información que se lle solicita sobre a reapertura da mina de Touro.

Iniciar o proceso para decretar a caducidade do expediente

Ademáis, Sánchez explicoulles que o 17 de outubro de 2018, iniciouse o proceso de declaración de impacto ambiental que segundo a lei vixente ten un prazo estabelecido de 4 meses, e dous de prórroga xustificada. Neste sentido, recalcou que “desde o noso punto de vista debería iniciarse o proceso de caducidade do procedemento por ter superado o prazo”. Criticou a “opacidade e o oscurantismo co que se está a levar este procedemento do que a Xunta non nos aporta información”.

O Director do Gabinete do Defensor do Pobo recibiu positivamente a petición do deputado no Parlamento galego de que se requira información á Xunta e se poida abordar a cuestión da caducidade, facéndoo de xeito oficial (por escrito) ao Defensor do Pobo. Así, Antón Sánchez anunciou após o encontro que “abriremos esa vía para que dende o Defensor do Pobo se requira toda a documentación á Xunta”.

Descontrol da Xunta

Na xunta, o tamén portavoz nacional de Anova, realizou unha avaliación moi positiva do Informe do Defensor do Pobo sobre a mina de Touro no que salienta diversas deficiencias da Xunta no proceso como é o que atinxe ao Plan de restauración, á afectación aos recursos hídricos e a tramitación. Sánchez puxo de manifestó o “fío conductor que se produce na maneira de actuar da Xunta en todos os casos de proxectos de reapertura de explotación mineira en Galiza: descontrol, pasividade e deixación. Deixa facer ás empresas por riba do cumprimento dos procedementos estipulados por lei”.

Engadiu na súa interlocución que “fixemos moitas iniciativas no parlamento galego pero non nos aportan a información solicitada. Hai opacidade e obstaculización”, queixouse diante do gabinete do Defensor do Pobo. Precisamente, é neste punto no que demandou a colaboración desta institución. Ademáis do que atinxe ao que “consideramos un procedemento caducado. Debería decretarse a súa caducidade”.

Antón Sánchez asegurou que estas “serán as vías de traballo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.