Antón Sánchez pide explicacións a Medio Ambiente pola existencia de balsas de lodos sen control en montes de Sobrado dos Monxes

Pide información sobre sobre a orixe e a toxicidade dos verquidos e as medidas de seguridade esixidas pola Xunta ás empresas responsables
Publicado por o día 28/08/2019 na sección de En Marea,Política

Antón Sánchez pide explicacións a Medio Ambiente pola existencia de balsas de lodos sen control en montes de Sobrado dos Monxes

O vicevoceiro do grupo parlamentario En Marea pedirá á Xunta explicacións pola existencia de diferentes balsas de lodos en varios puntos dos montes do concello de Sobrado dos Monxes (A Coruña), sen as medidas de seguridade e control axeitados que se requiren para este tipo de instalacións. A veciñanza leva tempo denunciando o depósito destes lodos, algúns deles sen ningún tipo de peche e semiocultos pola maleza, o que ten ocasionado mesmo a caída dalgunha persoa e animais ás balsas.

Ademais, en numerosas ocasións os verquidos rebordan por riba das balsas ou se depositan directamente en sucos realizados nos terreos e acaban esparexidos polos montes lindantes, co conseguinte risco de acabar chegando ó río Mandeo e á zona protexida da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O deputado do Grupo Parlamentario En Marea, Antón Sánchez, presentará iniciativas para que a Consellería de Medio Ambiente aclare a situación das balsas, que tipo de autorización teñen as empresas que almancenan estes residuos nos montes de Sobrado dos Monxes e de onde proceden estes lodos, ademais de requerir información sobre a toxicidade dos mesmos.

Para Sánchez as sospeitas de que durante anos se empregaron estes depósitos de lodos sen ningún tipo de control son evidentes e considera este caso un exemplo máis da deixadez dun departamento de Medio Ambiente dirixido por políticos que desprezan a natureza e non se preocupan por facer cumprir a normativa ambiental.