Antón Sánchez presenta unha PNL para que se garanta a seguridade das persoas en Monte Neme

A iniciativa non saíu adiante polos votos en contra do Partido Popular, que argumentou que as augas son “tan ácidas como as da choiva”
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Antón Sánchez presenta unha PNL para que se garanta a seguridade das persoas en Monte Neme

Esta mañá o Grupo Común da Esquerda presentou na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos unha Proposición Non de Lei que instaba a Xunta a tomar medidas para garantir a seguridade das persoas e protexer o medio ambiente en Monte Neme.

A canteira de Monte Neme foi explotada ata o ano 2012 pola empresa Leitosa, propiedade da familia de Juan Cotino, membro do PP valenciano implicado na trama Gürtel. “A Xunta debe explicar por que non lle pediu un aval a esta empresa, tal como marca a lei, e responsabilizarse de que abandonase a mina sen restaurala, deixándoa como un perigo para o medio ambiente e a seguridade e a saúde das persoas”, esixiu Antón Sánchez. “Desgraciadamente, isto non é ningunha excepción na política mineira do Partido Popular, senón que é a norma, como xa vimos en Santa Comba, Valdeorras ou Touro: facer negocio favorecendo as empresas amigas. Neste caso, a cifra concedida a unha empresa que non asumiu as necesarias reparacións ascendeu aos 600.000 euros”, engadiu.

O Monte Neme adquiriu moita popularidade este verán a través de “varias persoas que sufriron problemas cutáneos e dixestivos por se bañaren nas augas”, e Antón Sánchez reclamou que a Xunta garanta a reparación alén “dos carteis que se puxeron para que a xente non entre, que foi o único que fixeron”. Lembrou que a situación ambiental nunha zona “de gran valor paisaxístico e patrimonial” como Monte Neme é “crítica”, e mesmo puido “rematar en traxedia para os concellos de Malpica e Carballo cando no ano 2014 rebentou unha das balsas”.

A Proposición Non de Lei foi apoiada por todos os deputados agás polos do Partido Popular; o seu parlamentario Jacobo Moreira argumentou que as augas das pozas son “tan ácidas como as da choiva”, ao que Antón Sánchez respondeu que “é unha barbaridade dicir que os minerais ao aire libre non contribúen á acidificación das augas” e que o Partido Popular “non ten vergoña”.