Antón Sánchez: “Queren converter a Galiza en Katanga para vendela ás grandes empresas”

O vicevoceiro de En Marea rexeitou a Lei de iniciativas empresariais feita ao ditado dos grandes lobbies económicos e empresariais e contra os intereses do noso país.
Publicado por o día 12/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

Antón Sánchez: “Queren converter a Galiza en Katanga para vendela ás grandes empresas”

O grupo de En Marea votou en contra da toma en consideración da proposición de Lei do PP de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galicia, un texto feito ao ditado dos lobbies económicos e empresariais e contra o interese xeral do noso país. O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, amosou o total rexeitamento do seu grupo a unha lei que pretende “converter a Galiza en Katanga para vendela ás grandes empresas”. No texto presentado hoxe polo grupo popular non recolle ningunha aposta novidosa para desenvolver sectores endóxenos senón que “queren especializar este país na venda de materias primas baratas”.

O vicevoceiro criticou así mesmo a total falla de participación social na elaboración desta Lei xa que o grupo de En Marea mantivo numerosas xuntanzas con distintos colectivos e ninguén coñecía o contido do texto e non tiveran conversa algunha co PP ao respecto. “O Partido Popular excluíu aos colectivos que defenden á terra pero si existíu con Endesa, Iberdrola, Sacyr… é dicir todos aqueles que se benefician desta lei” declarou Antón Sánchez.

O texto presentado polo PP non recolle nin unha soa palabra do cambio radical que se fai de modelo no sector eólico ou da lei de minaría que “tratan de agochar o que non puideron colar democraticamente ante a resposta social e por iso o tentan facelo agora con nocturnidade e alevosía para que a sociedade non se dea conta”.

A redución de trabas administrativas da que bota man o PP para xustificar a presentación desta Lei non é máis que facilitar os trámites ás grandes empresas mentres que aos pequenos se lle incrementan.

Así mesmo, danlle armas ás empresas para conseguir terras baratas reforzando a declaración de utilidade pública que como salientou o vicevoceiro de En Marea “non se pode empregar sistematicamente xa que o que se convirte nun arma para ás grandes empresas contra a cidadanía co fin de conseguir terras baratas”.

No sector eólico o que pretende o PP é concentrar o modelo eólico nunhas cantas empresas erradicadas no estranxeiro. “Non existe unha soa liña para mellorar o retorno social ou protexer a rede natura” lamentou Antón Sánchez. Nesta mesma liña critocou que non se contemple o pago do canón eólico como acontece no parque eólico que se quere instalar en Laxe.

“Reducir os prazos a metade non implica que unha grande empresa poida ou non instalarse por ter unha rebaixa de 15 dias na tramitación pero si para que a xente que quera presentar alegacións a un proxecto non o poda facer, que é realmente o obxectivo do PP” declarou Antón Sánchez. “O problema de Galiza non son as trabas administrativas senón o modelo que hai que cambiar por un que xere máis emprego, de calidade e que defenda o país” explicou o vicevoceiro que rematou dicindo que “o noso país o que quere é combinar a actividade empresarial coa defensa do territorio, do país, da súa paisaxe e dos seus recursos”.