Antón Sánchez: “Reclamamos unha resposta de país fronte esta aldraxe que demostra que Feijóo ou ben é complice desta mentira, ou ben é un cero á esquerda e non exerce como presidente de Galicia”

Para o vicevoceiro de En Marea o último informe está “pragado de mentiras e hipóteses falsas de gobernantes antidemocráticos e sen escrúpulos”.
Por o 04/07/2017 | Sección: En Marea,Política
Antón Sánchez: “Reclamamos unha resposta de país fronte esta aldraxe que demostra que Feijóo ou ben é complice desta mentira, ou ben é un cero á esquerda e non exerce como presidente de Galicia”
Compartir en:

O vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, reclamou unha resposta contundente do presidente Feijóo ó último informe do Goberno do Estado que veta o debate no Congreso da Proposición de Lei sobre a transferencia da titularidade as competencias da AP9 á Xunta, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia. “Este veto demostra que Feijóo ou ben é cómplice desta tomadura de pelo ao pobo galego ou é un cero á esquerda en Madrid e non pinta nada como presidente de Galicia, pois non exerce como tal.”

Ademais, Antón Sánchez asegurou que o “informe está cheo de mentiras e baseado en hipóteses falsas, pois os letrados do Parlamento elaboraron a iniciativa facendo especial fincapé no cumprimento do artigo 134 da Constitución”. “É unha cuestión de vontade política”, lembrou “que evidencia que estamos gobernados aquí e en Madrid por xente antidemocrática e sen escrúpulos”.

“Volven facer referencia aos custes do rescate cando na Proposición de Lei se eliminou esa posibilidade, multiplicando a facturación bruta anual polos anos que quedan de concesión”, denunciou Sánchez, para quen este informe é “unha tomadura de pelo ao pobo galego”. O vicevoceiro de En Marea puxo como exemplo a hipótese formulada non informe de que a transferencia á Xunta podería vulnerar o compromiso de financiar as obras de ampliación de Rande e dos accesos a Santiago cun incremento das peaxes durante os vindeiros 20 anos. “É un argumento falaz, pois saben que habería unha comisión mixta que velaría por estes cumprimentos, aínda que non esteamos dacordo con eles”, concluíu.

Pola súa banda, a deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, afirmou en relación ao Informe desfavorábel de Fomento que “o Goberno de Rajoy utiliza argucias, argumentos peregrinos e falsos para xustificar outra negativa á transferencia da AP-9”.

Alexandra Fernández acusou ao Goberno de “falta de vontade política”. “Non é unha negativa en base a criterios economicistas como volta a decir no Informe, porque temos que lembrarlle que esta proposición de lei do Parlamento galego non falaba de rescate económico, falaba da transferencia. Está claro que o que queren é que a AP-9 continúe en mans de AUDASA para beneficiar intereses empresariais. Esa é a política do PP, mirar polo negocio dos amigos mentras prexudica ao ben colectivo que neste caso son os galegos e as galegas”.