Antón Sánchez: «A unidade e a xenerosidade son fundamentais para que o PP sufra unha severa derrota en 2019»

«Debe ser a súa xente a que decida, non os partidos. As lóxicas de coalición e de parte debilitan o espazo de unidade. O protagonismo é o do espazo unitario das mareas municipais»
Publicado por o día 17/02/2018 na sección de Anova,Política

Antón Sánchez: «A unidade e a xenerosidade son fundamentais para que o PP sufra unha severa derrota en 2019»

Hoxe en Teo celébrase a Conferencia Política Nacional de Anova baixo o lema «República dos Concellos». A apertura da xornada estivo a cargo do alcalde de Teo Rafa Sisto que salientou que «nos xogamos boa parte do futuro nun 2019 no que é necesario impulsar a coordinación municipalista, poñendo como exemplo o Encontro Municipalista organizado por Compostela Aberta o pasado 20 de xaneiro».

Lara Rodríguez, responsable de institucional de Anova, apuntou que “hai que aproveitar este momento político para impulsar a loita pola radicalización da democracia, para ganar espazos para a transparencia da xestión e a participación cidadá». Lara Rodríguez salientou que «máis que nunca cómpre reforzar á Unidade Popular e impulsar iniciativas municipais desde abaixo dándolle o protagonismo da xente do común».

O Portavoz Nacional de Anova, Antón Sánchez, reiterou que “Anova conclúe con esta Conferencia Política un período de reflexión para construír desde a Unidade Popular alternativas municipais que sexan útiles para a xente».

Atendendo ao ano electoral de 2018, o  Portavoz Nacional de Anova afirmou que «as eleccións municipais sinalan un momento político decisivo e que Anova renova a súa aposta polas mareas municipais, polas candidaturas de Unidade Popular». «Hai que consolidar os gobernos rebeldes do cambio e hai tamén derrotar ao PP nos maior número de concellos galegos». Antón Sánchez insistiu asemade en que «hai que recuperar os concellos para a xente e derrotar os gobernos da dereita, que viven parasitariamente de costas aos cidadáns e son unha maquinaria de submisión e dependencia, totalmente entregada ao Goberno Central e á Xunta de Galicia para liquidar a autonomía municipal».

Antón Sánchez afirmou que «a primavera rebelde de 2019 debe estar liderada polas mareas municipais, os partidos debemos ser motores auxiliares. Dentro das mareas non debe haber lugar para os protagonismo e intereses de parte. Sería un paso atrás respecto a 2015». Nese sentido advertiu que “funcionar con lóxicas de coalición ou de parte debilita o espazo de unidade. O protagonismo é o do espazo unitario das mareas municipais. Debe ser a súa xente a que decida, non os partidos».

Antón Sánchez remarcou que «a unidade e a xenerosidade son fundamentais para lograr que o PP sufra unha severa derrota en 2019 e para logralo, a Unidade Popular ten que ter raíces máis fortes no local. Ao redor das mareas municipais hai conectar cos movementos sociais que sosteñen a loita polos dereitos fundamentais das cidadás, polo dereito a unha vida digna»

Para o voceiro de Anova, «a derrota do Partido Popular nas municipais de 2019, é fundamental para abrir un novo ciclo de cambio político para  frear o autoritarismo do Estado activado pola aplicación do artigo 155, poder crebar as políticas austeritarias e  defender o autogoberno de Galiza para poñelo ao servizo das maiorías sociais».

Co agravamento da condicións de vida da maioría social apuntou como obxectivo «reforzar iniciativas que permitan combater frontalmente a consolidación do modelo da precariedade, da austeridade e da explotación que nega dereitos e benestar a unha boa parte dos galegos e galegas, moi especialmente á xente máis nova».

Antón Sánchez apuntou que o segundo plano de combate político debe ser «a defensa dos intereses de Galiza e derrotar as políticas entreguistas e submisas de Feijóo diante das decisión do Goberno Central. Entreguismo servil que debilita a Galiza como nación». «Con Feijóo -subliñou Antón Sánchez- Galiza perde peso político e recursos financeiros».

A clausura da Conferencia Política Nacional está prevista para as 18.00 horas de hoxe no Hotel Congreso (Montouto, Teo). Están previstas as intervencións do alcalde de Santiago Martiño Noriega, da responsable de institucional Lara Rodríguez e do Portavoz Nacional de Anova Antón Sánchez.