Os poetas Antonio García Teijeiro -Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017- e Juan Carlos Martín Ramos -Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos 2015- presentarán o vindeiro venres 5 de xullo na Feira do Libro de Vigo o seu novo libro “Versos e viceversos”, editado por KALANDRAKA. O encontro, a partir das 20:00 horas, contará coa participación da escritora viguesa An Alfaya, e de Lurdes López, que cantará varios poemas musicados.
“Versos e viceversos” é unha obra coral na que o galego García Teijeiro e o andaluz Martín Ramos unen as súas voces amigas para xunguir pensamentos e emocións que evocan o aroma, o sabor e os sons do mar a través de elementos materiais e simbólicos como as buguinas, a oleaxe, o vento, o horizonte ou o ceo estrelado nas noites de lúa chea. As ilustracións elaboradas por Juan Ramón Alonso, nas que predominan a sinxeleza e a delicadeza do lapis e da acuarela, potencian o lirismo dos poemas.
Este libro tamén é un diálogo cultural e lingüístico no que ambos autores se inspiran mutuamente a partir dunha introdución creada nas súas respectivas linguas maternas e que dá lugar a unha réplica literaria no idima contrario. Son versos nos que cada poeta conversa consigo mesmo a través do seu caderno, invocando recordos da nenez, a súa identidade e raigame, mais tamén proxectando as súas reflexións fóra do libro para interpelar o público.
Ademais desta faceta intimista, “Versos e viceversos” destaca polo seu compromiso social rexeitando as guerras e o progresivo deterioro do planeta, reivindicando os contos de antano ou facendo unha intensa loanza da lectura. Tampouco falta a dimensión lúdica, que presenta retos tan suxestivos como conquistar o reflexo da lúa na agua ou descifrar unha carta en branco.
O vigués Antonio García Teijeiro é autor de numerosos libros, polos que recibiu recoñecementos tan importantes como os premios Merlín (1996), Pier Paolo Vergerio (1998) e Luna de Aire (2007). Antes do Premio Nacional, a súa obra xa fora destacada pola organización internacional IBBY, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez e a revista especializada CLIJ.
Cordobés afincado en Fuenlabrada, onde traballa como técnico de Cultura, Juan Carlos Martín Ramos é autor de varios libros de poesía infantil e xuvenil. Ademais do Premio Orihuela por “Mundinovi”, publicado por KALANDRAKA, recibiu os galardóns Leer es Vivir (2002), Lazarillo (2003) e Luna de Aire (2019). Tamén se dedicou ao mundo dos títeres na compañía «Titiritaina», con Lurdes López.
MÁIS ACTIVIDADES
Ademais da presentación do próximo venres, os autores volverán á Feira do Libro de Vigo o sábado día 6 para asinar exemplares de “Versos e viceversos” na caseta de LIBROS PARA SOÑAR, a partir das 19:00 horas.
O mércores día 4 á mesma hora tamén asinará libros da súa autoría o profesor e escritor de Cangas Xosé Manuel González ‘Oli’. O seu novo libro para público infantil, “Ratos de viaxe”, é a continuación de “Os ratos da casa”, ambos ilustrados por Natalia Colombo.
Noticias de última hora en Vigo