Ánxeles Cuña: “Os Orzamentos de Cultura da Xunta son unha falacia: só medran para turismo e o Xacobeo”

A deputada do Grupo Común da Esquerda definiu a década do Goberno Feijóo como “demoledora” para a lingua e a cultura
Publicado por o día 28/10/2019 na sección de Grupo Común da Esquerda,Política

Ánxeles Cuña: “Os Orzamentos de Cultura da Xunta son unha falacia: só medran para turismo e o Xacobeo”

Esta mañá Ánxeles Cuña interveu na comparecencia do conselleiro de Cultura sobre os Orzamentos para 2020, na que afirmou que o discurso do Partido Popular sobre o crecemento das partidas destinadas á Cultura era “unha falacia” porque os únicos aspectos que realmente medran son o turismo e o Xacobeo. “No resto de cuestións, nin de lonxe recuperamos as cifras de 2009. A política do PP é culturicida; levamos unha década negra de demolición da nosa lingua e cultura”, manifestou a deputada.

A diferenza entre o orzamento adicado á Cultura en 2009 e nos presentes Presupostos é de máis de 87,6 millóns de euros, unha baixada que se fai notar en numerosos sectores e especialmente en fomento da lingua galega, que recibe 13 millóns de euros menos en termos nominais -case 16,5 en termos reais- menos que en 2009. “O modelo do PP en materia de política lingüística é moi claro: deixar o noso ecosistema cultural ao borde do precipicio mentres alimenta o negocio millonario do Xacobeo”, denunciou Ánxeles Cuña. “Todos estes datos son o resultado das políticas lingüísticas do Partido Popular que, lonxe de protexer o idioma, recorta ano tras ano as partidas dedicadas á normalización. No ano 2009, había máis de 5 millóns de euros para campañas de normalización lingüística; no 2020 haberá menos de 1,8 millóns. Menosprezar a nosa lingua tamén é vilipendiar a nosa cultura, señor conselleiro”, engadiu.

Cuña tamén incidiu na perda dun 82,3% nas partidas destinadas á protección do Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural, un dos temas que máis preocupan ao Grupo Común da Esquerda. Nomeadamente, a deputada fixo fincapé na ‘Lei dos 3 R’, en proceso de revisión por posible inconstitucionalidade, xa que atenta gravemente contra o Patrimonio galego. “Vostedes fixeron oídos xordos, é un paradoxo intolerable que quen ten que protexer o noso patrimonio, o Goberno, sexa quen o ataque”, denunciou.

“Estamos lonxe de acreditar nas propostas da Consellería. Albiscamos o perigo da busca do beneficio económico por enriba do social, como demanda o mercado. A guía de toda política cultural é a contraria. Niso, fallan: na dirección, na estratexia, nos obxectivos, na misión. Recortar e gañar diñeiro: esa é a súa política cultural”, insistiu Cuña, que fixo tamén un chamado a observar o turismo desde unha perspectiva cultural e non só comercial, que considere o turismo responsable e sustentable que xere emprego de calidade.

O recorte de catro millóns de euros desde 2012 no orzamento adicado á Axencia Galega das Industrias Culturais tamén supón unha cuestión especialmente preocupante para o Grupo Común da Esquerda, así como o insatisfactorio balance de máis de trinta anos de historia do Centro Dramático Galego. “Baixa produción, burocratización, carencias orzamentarias, polémicas arredor dos procesos de selección de elencos, xiras de distribución máis exiguas ca nunca, desaparición de programas de proxección exterior…”, enumerou Cuña.

No respectivo ao Xacobeo 2021, Ánxeles Cuña acusou a Xunta de “preocuparse máis pola cantidade que pola calidade”. Criticou tamén que o conselleiro se referise ao Festival O Son do Camiño como “un gran éxito” e cualificouno como “un insulto a un sector maduro como é o da música en Galicia”, xa que ás designacións ‘a dedo’ habería que sumar o feito de que fose o festival con maior orzamento e menor retorno do Estado. A deputada do Grupo Común da Esquerda finalizou reclamando á Consellería que recupere “polo menos a metade” do Orzamento destinado á Cultura en 2009.

Comentar noticia

Your email address will not be published.