Anxo Lorenzo asiste á inauguración da exposición ‘Bibliotecas no espello’ no marco do programa cultural Nortear

A mostra comprende unha selección de 80 libros que amosan a riqueza do patrimonio literario e librario de Galicia e Portugal a través de edicións facsímiles que datan desde o século XI ata a actualidade
Por o 18/01/2019 | Sección: Cultura
Anxo Lorenzo asiste á inauguración da exposición ‘Bibliotecas no espello’ no marco do programa cultural Nortear
Compartir en:

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, asistiu esta mañá á inauguración da exposición Bibliotecas no espello, unha viaxe polo libro e a literatura a través das edicións facsímiles, a quinta que se realiza no marco das actividades anuais do programa Nortear, creado en 2015 a través dun memorando de entendemento asinado entre a Consellería de Cultura e Turismo, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia- Norte de Portugal. A mostra está comisariada por Ignacio Cabano, técnico bibliotecario da Biblioteca de Galicia, e por Ana Araujo, técnica da Dirección Regional de Cultura do Norte.

A exposición amosa, a través dunha selección de 80 libros de produción literaria, a riqueza do patrimonio literario e librario de Galicia e Portugal a través das edicións facsímiles que abrangue desde o século XI ata a actualidade. Cómpre destacar que esta é a primeira mostra que se fai de xeito conxunto e pretende reflectir a evolución conxunta dos dous territorios e a paulatina separación dos seus camiños nos últimos séculos, a través da súa produción literaria e editorial máis salientable.

Deste xeito, a instalación divídese en dúas grandes áreas: libro medieval, códices e literatura galaico-portuguesa e outra sección sobre libro moderno e contemporáneo, na que xa se divide na parte correspondente a Galicia e outra de Portugal.

Co obxecto de contar cos libros máis importantes realizados no noso territorio desde o século XI, utilízanse as súas edicións facsimilares, que son reproducións precisas destes documentos antigos de gran valor. Os facsímiles convértense, así, en espellos dunha realidade biliográfica, reflictindo a cultura galega e portuguesa asentada no papel ou no pergamiño e seguen a vella tradición da copia, antes manuscrita e despois impresa.

Entre as obras dispoñibles figuran as Cantigas de Santa María, o Códex CalixtinoCantares Gallegos de Rosalía de Castro, Los precursores de Manuel Murguía, Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal ou Mecanuscritos de José Saramago, entre outras.

Programa Nortear

Nortear é un proxecto de intercambio cultural entre Portugal e Galicia, que ten os seus eixos no libro, a lectura e a arte e o obxectivo de impulsar o coñecemento e a circulación da cultura a partir de redes de colaboración entre as dúas rexións.

Ademais de intercambiar exposicións entre ambos territorios, a programa desenvolve o Premio Nortear as Conversas Nortear, que establecen novas vías de entendemento a través do diálogo entre escritoras e escritores de referencia de ambas beiras do Miño.

Comentar noticia

Your email address will not be published.