Anxo M. Lorenzo destaca o campamento San Simón Fiddle como una “oportunidade” para potenciar a formación musical

O director xeral de Políticas Culturais participou na presentación desta actividade dirixida ao público infantil e xuvenil que se celebrará entre o 30 de xuño e o 7 de xullo e que conta co apoio da Xunta de Galicia
Por o 26/06/2019 | Sección: Galicia,Redondela
Anxo M. Lorenzo destaca o campamento San Simón Fiddle como una “oportunidade” para potenciar a formación musical

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou onte na presentación das actividades que a asociación cultural Galicia Fiddel organiza este verán na Illa de San Simón co apoio da Xunta de Galicia.

A primeira destas actividades, o curso Encordass, arrincará este mesmo venres e está dirixida a persoas maiores de idade que conten con coñecementos musicais básicos. Os participantes nesta actividade terán a oportunidade de afondar durante tres días na música galega e do Leste Europeo compartindo as tradicións musicais, danza, gastronomía, literatura, cine e cantigas populares.

A segunda actividade organizada por Galicia Fiddle co apoio da Xunta é o campamento musical infantil e xuvenil San Simón Fiddle, unha actividade que Anxo M. Lorenzo destacou como unha “oportunidade para potenciar a formación pola música” entre os máis novos. O campamento celebrarase entre o 30 de xuño e o 7 de xullo na Illa de San Simón e reunirá a máis dun cento de mozos e mozas instrumentistas de corda de entre 7 e 18 anos.

Durante a presentación destas actividades, celebrada esta mañá en Vigo, o director xeral de Políticas Culturais subliñou a importancia deste tipo de iniciativas, dirixidas a que os músicos compartan experiencias con outros músicos para “avanzar na súa aprendizaxe”. Ademais, Anxo M. Lorenzo resaltou que a Illa de San Simón constitúe un emprazamento “idóneo” para celebrar esta experiencia ao tratarse dun espazo centrado na actualidade na práctica creativa.

Boa acollida da iniciativa

En paralelo, o responsable de Políticas Culturais do Goberno galego salientou a traxectoria do equipo de mestres que participará nesta nova edición do campamento Galicia Fiddle e entre os que destacan o pianista e acordeonista Neli Pearlman, o compositor e violinista Diego Galaz ou a violonchelista e cantante Marta Roma, entre outros. Así mesmo, Anxo M. Lorenzo puxo en valor a boa acollida desta iniciativa, xa que o 60% das prazas foron ocupadas por nenos e nenas que xa participaron en edicións anteriores do evento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.