Apagado o lume que calcinou unha nave industrial en San Cibrao

Á primeira hora desta mañá, os Bombeiros de San Cibrao informaron ao 112 Galicia que o lume que derruíu practicamente a nave industrial do Polígono de Barreiros de San Cibrao das Viñas, quedou extinguido, aínda que durante toda a noite un retén de Bombeiros vixiaría a zona, para evitar que algún rescaldo se reavivase e afectase a outras naves do carón.   Afortunadamente, tampouco houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio ao fío das 19:00 horas da tarde pasada, foi a esa hora cando varios particulares comezaron a percibir o fume dende varios puntos e cando se activa un operativo formado polos Bombeiros de San Cibrao, Garda Civil e Protección Civil.  A partir de aí, foron sumándose os Bombeiros de Ourense, Celanova, Xinzo de Limia, membros do GES e de Protección Civil de Pereiro de Aguiar, de Ourense,  de Maceda e persoal de extinción de Medio Rural. Ademais, no lugar, o Servizo Provincial de Emerxencias da Xunta de Galicia  constituíu un Posto de Mando Avanzado dende o cal se coordinaron todos os servizos de emerxencia desprazados no punto.

Nada mais recibir a primeira chamada de alerta, o 112 Galicia tamén puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias, por si -nalgún momento- fose precisa a súa intervención. De igual xeito,  o persoal do Concello e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foron informados da situación.

Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.

Tremor de terra

Por outra banda, o Instituto Xeográfico Nacional rexistrou a pasada noite un total de tres tremores de terra de magnitude 3.2 con epicentro en Laza, de 3.3, con epicentro en Trasmirás e outro coa mesma magnitude e con epicentro en Sarreaus.  Foron percibidos pola poboación pero, por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu chamadas de distintos veciños, que aseguraban sentir como estoupidos, tamén, dende Verín, deixáronse notar, relatando os veciños de sentir como se movía o chan. En ningún caso, se chegaron a producir danos persoais nin materiais.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM