Apagón informativo da CRTVG sobre o peche do paridoiro de Verín

Publicado por o día 28/12/2019 na sección de Galicia,Política,PSOE

Apagón informativo da CRTVG sobre o peche do paridoiro de Verín

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión da CRTVG do Parlamento, Noela Blanco, denunciou hoxe o “apagón informativo sobre o peche do paridoiro de Verín” nas “canles oficiais de Feijóo: a Radio Galega e a TVG”. Blanco presentou unha pregunta oral no Parlamento sobre o tratamento informativo “escaso e sesgado” dun feito que está a acadar máis repercusión fora de Galicia que nos medios públicos galegos.

A responsable socialista denunciou o nulo tratamento das “históricas mobilizacións” que provocou este feito, “soamente con conexións co NO-DO cuxa produción e dirección corre a cargo do equipo de Feijóo”. Criticou así que a TVG teña resolto a manifestación histórica do 30 de novembro “cun corta e pega do argumentario do PP e con entrevistas preparadas previamente avalando as teses de Feijóo”.

Algo semellante sucedeu co parto ocorrido na noite do 11 ao 12 de decembro, que obrigou ao traslado dun pediatra a Verín, e que a TVG incluíu con información breve obviando que o xefe de Xinecoloxía de Verín recorrera ao xuíz de garda. Tamén informaban “pertinentemente” de que o cativo e a nai foran desprazados a Ourense posteriormente, pero obviando que o traslado produciuse por separado, e que non se volveron encontrar ata horas despois.

Blanco rematou o relatorio coa manifestación de veciños e veciñas de Verín ás portas do Parlamento o pasado martes 17, que a TVG tamén reduciu a unha cobertura breve de 22 segundos no Telexornal do mediodía, que foron reducidos a 27 segundos compartidos con outra protesta laboral no informativo da noite.

A parlamentaria socialista empregou a última pregunta do grupo socialista nesta Comisión antes do remate do ano para sinalar a situación da sanidade pública, cuns profesionais e unha cidadanía “que están fartos”, e logo de “centos de mobilizacións” neste ano rematan cunha protesta con epicentro en Verín, onde levan 25 días pechados no Hospital pedindo a reapertura do paridoiro.

Tamén lembrou a situación dos traballadores e traballadoras da CRTVG que suman xa 84 venres negros de protesta para reivindicar o cumprimento da Lei de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, e reclamando “obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa”.

Mina de Touro

Por outra parte, o parlamentario socialista Óscar Vilar Chento esixiulle hoxe ao director xeral da CRTVG “desculpas e unha explicación crible” logo de ter vetado a recente visita de distintos colectivos veciñais á Comisión de Peticións do Parlamento Europeo para denunciar a reapertura da mina de Touro e O Pino. O responsable socialista presentou unha pregunta oral en Comisión pola nula repercusión informativa da visita do pasado 12 de novembro.

Vilar Chento denunciou “inxerencia política e manipulación informativa” con respecto á reapertura a mina, e sinaladamente á visita das asociacións Cova Crea, Petón do Lobo e a Plataforma Veciñal contra a reapertura da mina. Estes colectivos viaxaron o pasado 12 de novembro a Bruxelas para denunciar as repercusións medioambientais desta reapertura diante da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

A CRTVG fixo caso omiso da dita visita, malia que contaron coa cobertura dunha cámara do ente público, así como tampouco emitiron “nada” da advertencia do Defensor del Pueblo do pasado 3 de xuño advertindo de graves problemas pola reapertura. Tampouco dixeron nada, dixo, da protesta dos veciños de Touro e O Pino do pasado 26 de outubro.

Sen embargo, advertiu, si que reflexan que a Eurocámara vaille preguntar á Generalitat se hai discriminación cos que falan castelán, como fixeron o pasado 24 de abril de 2018. Puntualizou que “descoñezo a importancia que pode ter para os galegos e galegas, pero estou seguro que ten bastante máis interese informativo un asunto medioambiental que afecta a Galicia que un presunto asunto lingüístico catalán”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.