Aparece en bo estado un octoxenario que pasou a noite á intemperie en Valdoviño

Publicado por o día 14/07/2020 na sección de Sucesos

Aparece en bo estado un octoxenario que pasou a noite á intemperie en Valdoviño

Un home duns 80 anos foi localizado esta mañá en bo estado despois de pasar a noite á intemperie en Valdoviño.

A familia estaba na súa busca desde as seis da tarde de onte, momento no que se decataron da súa falta. Así o explicaron ao persoal do 112 Galicia cando, pasada a medianoite, chamaron para solicitar axuda para localizar a un octoxenario con domicilio no lugar de Aviño, en Valdoviño, que saíra a dar o habitual paseo pola zona e aínda non voltara á casa.

Desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración da Garda Civil e tamén dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Sen embargo, co avance da madrugada, fóronse unindo outros equipos de rescate, como os membros do GES de Mugardos e tamén o Servizo de Cans de Galicia con un guía e dous exemplares.

Mesmo estaba prevista a saída do grupo técnico da Axencia Galega de Emerxencias cos drons, pero, preto das nove desta mañá, un familiar do desaparecido atopouno nun camiño en bo estado, malia pasar a noite fóra da casa. Non obstante, a través do 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios para someter ao señor a un recoñecemento médico.

Comentar noticia

Your email address will not be published.