Apego chega ás 300 familias en Pontevedra

O alcalde Lores recibe a Antía e Alexandre, interesados en que o seu fillo fale en galego e que teña contexto para falalo en Pontevedra
Publicado por o día 12/06/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Apego chega ás 300 familias en Pontevedra

O alcalde Miguel Fernández Lores e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña recibiron hoxe no Concello a Antía e Alexandre, galegofalantes e futuros país dun nen, que veñen de inscribirse no programa Apego ao estar interesados en conseguir que o seu fillo fale galego e que teña contexto para falalo en Pontevedra. Son a familia 300 do Apego en Pontevedra.

Hai familias que senten a necesidade de fallarlles galego ás fillas e aos fillos cando van vivir fóra. Descubrir a lingua como trazo de identidade é un sentimento que levan manifestado varias familias do Apego que marcharon fóra de Galicia un tempo. A máis nova deste grupo é unha familia que está a traballar nun país africano. A nai e o pai criáronse en Pontevedra e aquí non usaban o galego como lingua de comunicación, aínda que o escoitaban na familia (e un deles usábao fóra de Pontevedra, cando ía visitar os avós). Cando naceu o seu primeiro fillo non só non dubidaron en que o seu nome tiña que ser galego senón que foron conscientes de que a lingua ía axudalo a manter a súa identidade galega e decidiron que o galego ía ser a lingua de comunicación natural entre o pai e o fillo; o neno está empezando a falar e di palabras en galego. Acaban de ampliar a familia, seguen coa escolla de nomes claramente galegos e seguen a falar en galego para que os pequenos medren con apego ao idioma de noso. O galego vai ser unha das linguas da familia, a carón das outras que van aprender na súa vida multilingüe, a máis de dez mil de quilómetros de distancia de Galicia.

Ao programa Apego chegan tamén familias que veñen doutros puntos do estado; habitualmente un dos membros da parella non ten orixe galega nin medrou aquí, e son precisamente estas nais ou estes pais os que se achegan ao programa co convencemento de que falar galego desde o comezo na familia só ten vantaxes, tanto para as nenas e nenos porque adquiren a lingua desde o berce como para as pais e nais, porque tamén é unha oportunidade para aprenderen.

Algunhas proceden doutras nacionalidades históricas con lingua de seu diferente do castelán, como a nai dunha das familias que se inscribiron este pasado mes de maio. Entrou falando un galego moi fluído co seu bebé, pese a levar vivindo en Pontevedra moi poucos anos. Naceu e medrou en Navarra; podía estudar nunha ikastola pública, onde o ensino era en éuscaro, ou nunha escola pública, onde o ensino era en castelán; os seus pais escolleron a escola, polo que non puido aprender o idioma. Hoxe afirma sentir moita mágoa por non ser quen de falar a súa lingua. Ao chegar aquí coñeceu a súa parella; coñecéronse falando en castelán pero, despois dun tempo, os dous decidiron mudar o idioma de relación ao galego. Ela di que a súa familia política e os amigos fixeron que fose moi doado mudar de lingua. Hoxe fala sempre en galego e fálao moi conscientemente co seu fillo, aínda un bebé, porque quere que o galego sexa a súa lingua primeira, a lingua da familia, dos afectos, das descubertas, e que non sinta a espiña que ten ela por non ser quen de falar éuscaro.

Casos como estes, de escolla consciente e activa do galego como lingua, contrasta con moitas familias que se achegan ao programa manifestando o moito que lles custa falar galego. Queren que aos seus fillos non lles pase o mesmo e poidan falalo, pero elas e eles senten falta de fluidez, falta de seguranza, falta de soltura e incapacidade para falar en galego cos seus fillos.

O reverso deste caso son as familias pontevedresas que chegan ao Apego falando galego co orgullo de seren neofalantes. Falan galego habitualmente tamén na casa e cos fillos. Contan como escolleron falar galego de adultos, cando foron conscientes de que o natural tería sido falaren galego, como os seus avós. Saben que coa lingua recuperan a historia de seu, da familia: os contos, as cancións, os seres máxicos, a maneira de nomear os peixes, as herbas… Fan o esforzo de recuperar todo ese patrimonio inmaterial para deixárllelo en herdo aos seus fillos. Ese é un dos obxectivos do programa Apego.

Por suposto, no programa tamén hai familias que falan galego de sempre. Chegan ao programa Apego buscando contextos de socialización para que os pequenos poidan manter a lingua tamén fóra da casa. Todas a familias galegofalantes quéixanse de que o ensino fai que as nenas e os nenos deixen de falar galego; as máis das veces incluso deixan de falalo na casa, coa familia.

PROGRAMA APEGO

Apego é un proxecto de dinamización sociolingüística que procura incrementar a porcentaxe de nenos e de nenas que reciben o galego desde o berce e que promove e arroupa o seu uso no proceso de socialización ata os 6 anos. Para conseguir este obxectivo, trabállase principalmente coas familias, mais tamén con outras persoas que forman parte da vida social das nenas e dos nenos nos primeiros anos de vida.

Para o proceso de incentivar, favorecer e colaborar na socialización en galego da infancia, a través de Apego facilítanselles ás familias materiais, tanto físicos (unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos etc.) coma virtuais, con propostas de cancións, xogos etc., a través do sitio web www.apego.gal, ou da serie de vídeos na rede en que o polbo Po lles ensina ás nenas e aos nenos cousas como xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia etc.

Ademais de facilitar materiais, a través do programa tamén se achega información sobre recursos (publicacións, sitios web…) e sobre actividades (concertos, teatro, contacontos) que se organizan en Pontevedra e que axudan a dinamizar o uso da lingua. Tamén se procura crear espazos de socialización en galego e desenvólvense actividades formativas dirixidas a nais e pais (charlas, obradoiros etc).