Apertura do curso académico de mediciña no Álvaro Cunqueiro

A Área Sanitaria de Vigo recibiu hoxe a 78 alumnos de sexto curso da Facultade de Medicina de Santiago que elixiron o CHUVI para realizar o seu último ano do grao
Publicado por o día 10/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

Apertura do curso académico de mediciña no Álvaro Cunqueiro

A Área Sanitaria de Vigo recibiu hoxe aos alumnos da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago que cursarán sexto ano de grao nos centros sanitarios públicos vigueses. En total son 78 estudantes (57 mulleres e 21 homes).

O salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro serviu de escenario para a recepción oficial deste curso académico 2019/2020, nun evento que estivo presidido polo xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, e polo coordinador de Docencia de Grao, José Ramón Fernández Lorenzo.

En xeral, hai un millar de alumnos e alumnas que están cursando estudos de distintas disciplinas nos centros sanitarios. Con esta nova promoción de Medicina que hoxe se incorpora se consolida a capacidade docente da sanidade pública viguesa.

Para facilitar a integración ponse a disposición dos alumnos unha Guia de Acollida na que ademais de información sobre a organización e datos prácticos sobre o seu curso, este ano se incluíu un Decálogo do alumno en prácticas. Cabe subliñar que, na liña de humanización que marca o Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo, o primeiro punto reza: “Ofrecer ao paciente un trato humano e procurar o seu benestar”. De aí a importancia do devandito decálogo.

25 profesores asociados e 549 colaboradores

Os alumnos de Medicina realizan o seu último ano nun hospital, cun curso práctico no que se lles imparte un programa docente baseado na rotación por diferentes especialidades médicas e cirúrxicas. En total, traballan sete materias: clínica médica, clínica cirúrxica, urxencias e servizos centrais, clínica obstétrica e xinecolóxica, clínica pediátrica, clínica psiquiátrica e medicina familiar e comunitaria. Durante este período lectivo, os alumnos cumpren un horario de 8.00 á 15.00 horas, e tamén realizan gardas.

A docencia deste curso será impartida por 25 profesores asociados e 549 colaboradores docentes do CHUVI. A aposta pola función docente tamén está incluída nas liñas xerais do Plan Estratéxico da Área Sanitaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.