Apoio á mocidade galega para acceder a estudos, traballo e vivenda

Por o 19/12/2018 | Sección: Política,PSOE
Apoio á mocidade galega para acceder a estudos, traballo e vivenda
Compartir en:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta un acordo político en favor da xuventude galega centrado en axudas educativas, de formación para o emprego, vivenda ou traballo. Así o dixo na sesión de control ao presidente da Xunta, no que reivindicou “construír un marco no que atopar un futuro mellor para a nosa mocidade”.

O responsable socialista lembrou o Pacto de Toledo para a Seguridade Social e o sistema de pensións e propuxo un Pacto de Compostela dirixido á mocidade galega. Así, apelou ao “espírito navideño” para atopar un entendemento entre as forzas políticas na diagnose dunha situación que “todos compartimos que é crítica” en lugar de “tirar os trastos, fintas tácticas ou desacreditar ao adversario”.

Fernández Leiceaga lembrou a nula resposta do goberno galego a todas as propostas feitas polos socialistas galegos, como o incremento das bolsas para estudos de mestrado, a redución das taxas da primeira matrícula universitaria ou un esforzo adicional en vivenda para mozos e mozas, logo de que todas elas se toparan coa negativa do PP e do goberno galego.

Mesmo apuntou aos Orzamentos do goberno galego, aprobados onte reducindo en 8 millóns os fondos propios para políticas activas de emprego, mentres as aportacións da Administración Xeral do Estado aumentan en 25 millóns de euros. Mentres, dixo, o goberno galego é incapaz de executar nin a metade dos fondos destinados á Vivenda nos últimos anos, e sinalou que a maior parte dos 20 millóns de euros destinados á materia para o próximo ano proceden do Estado.

Demasiadas dificultades

O responsable socialista debullou hoxe no Pleno do Parlamento a difícil situación dos mozos e mozas de Galicia, que logo de responder aos esforzos educativos que se lles esixen, con idiomas, disposición a formarse no exterior e que sexan en definitiva “as xeracións mellor formadas da nosa historia” teñen que enfrontarse a unha saída ao mercado laboral “desoladora”.

Unha xeración enteira, dixo, tan só atopa “a precariedade laboral como promesa, incertezas, estrés e falla de confianza no futuro” e cun 40 por cento menos ocupados que en 2008, e unha taxa de ocupación que caeu 10 puntos dende 2009 a pesares da caída da poboación xuvenil. Apuntou unha situación “dramática” onde a pesares da caída do número de mozos e mozas e dos ocupados, tamén hai unha redución da taxa de ocupación.

Fernández Leiceaga apuntou hoxe á situación da mocidade e sinaladamente do seu futuro laboral, logo de ter dedicado a intervención de onte no debate dos Orzamentos á difícil situación que ten provocado o goberno galego cos recortes na sanidade pública. O responsable socialista instou ao presidente da Xunta a que “rectifique e acerte” reducindo a precariedade laboral no sistema sanitario e reforzando a Atención Primaria.

Comentar noticia

Your email address will not be published.