Apoio de espazo ecosocialista ao movemento municipalista Ourense en común

Por o 22/12/2014 | Sección: Espazo Ecosocialista,Galicia,Ourense,Política
Apoio de espazo ecosocialista ao movemento municipalista Ourense en común

O pasado martes 16 de decembro reuniuse  no Ateneo de Ourense, as xentes do movemento municipalista Ourense en Común e da agrupación de Espazo Ecosocialista de Ourense, para tratar da confluencia  no proxecto popular formado de cara as eleccións municipais.

Espazo Ecosocialista xa fixera público a nivel nacional o apoio as diferentes iniciativas cidadás que están a xurdir polo país, cos únicos condicionantes dun programa transformador no marco dunha nova democracia (período constituínte) e dunha metodoloxía radical democrática na elección das candidaturas (primarias abertas).

Desde Espazo Ecosocialista de Ourense  entendemos que Ourense en Común representa claramente esa formulación democrática polo que facemos público todo o noso apoio. Compartimos os mesmos principios de como construír unha nova alternativa política con vontade de gobernar a cidade transparencia, horizontalidade e participación.

A cidadanía reclama maior participación popular na política e unhas institucións abertas e próximas na xestión, para facilitar este proceso de cambio de unha democracia representativa, cunha cidadanía necesariamente pasiva e alonxada dos problemas reais da xente, a unha democracia participativa. Apostamos por esta confluencia de forzas que quere construír Ourense en Común.

Falta moito por traballar e pouco tempo de aquí as eleccións pero confiamos na capacidade do proxecto de ilusionar as persoas de Ourense, e que entre todas elaboremos un programa realista e transformador  que sexa quen de sumar apoios que permitan entrar no Concello a persoas dispostas a defender o programa da cidadanía, porque non nos merecemos o concello que temos.

PRENSA ESPAZO ECOSOCIALISTA