Apoio maioritario a Francisco Torres como novo decano de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Defendeu un programa con 30 medidas que serán a “folla de ruta” do novo equipo de goberno
Publicado por o día 11/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Apoio maioritario a Francisco Torres como novo decano de Ciencias Xurídicas e do Traballo

Foi vicedecano de Calidade no equipo encabezado pola profesora Ana Pita; responsable de Asuntos Económicos e Infraestruturas no que liderou ata este luns Almudena Bergareche, ademais de outros postos previos como o de coordinador do Grao en Economía e, desde agora, asume o cargo de decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. A candidatura a decanato encabezada polo profesor Francisco Torres acadou un amplo respaldo da Xunta de Facultade do centro ao conseguir 38 votos a favor,  8 en contra e un voto nulo. “Agora do que se trata é co traballo diario do meu equipo convencer ás persoas que dixeron que non de que podemos facer unha boa xestión e, obviamente, non defraudar a todos aqueles e aquelas que nos deron o seu apoio”, salientou Torres nada máis rematar a Xunta de Facultade.

Xunto a Torres conforman o novo equipo decanal a profesora Maria Antonia Arias como secretaria do centro, Belén Fernández Docampo como vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos, Regina Ibañez Paz como vicedecana de Calidade e Innovación, Lidia Noriega como vicedecana de Dereito, e José Carlos Orge Míguez, como vicedecano de Asuntos Xerais e Alumnado. “Son compañeiras e compañeiros de confianza e con ampla experiencia en xestión e que, como xa sabía pero tiven oportunidade de comprobar nestas dúas semanas de traballo, posúen un carácter positivo e resolutivo”, explicou Torres, ao que engadiu que completarán o equipo catro coordinadores/as que se encargarán de: traballos fin de grao, prácticas externas, Internacional e dobre grao de Administración e Dirección de Empresas e Dereito.

“A idea é que todo o que fagamos teña impacto na promoción do centro”

Presentouse cun programa electoral estruturado en catro grandes bloques e 27 medidas iniciais. Enviárono por correo electrónico e presentárono publicamente en diferentes reunións mantidas cos diferentes colectivos do centro e, froito destas reunións, engadiron tres melloras ao programa, conformando en total 30 medidas programáticas que constituirán a folla de ruta do traballo diario do novo equipo decanal. “A nosa idea é que todo o que fagamos teña un impacto na promoción da facultade e vaia dirixido a reforzar as nosas titulacións”, recalcou o novo decano.

Entre estas medidas destaca a reorganización da estrutura dos vicedecanatos, a celebración de encontros de transferencia e empregabilidade, a creación dunha Aula de Formación Legal ou a posta en marcha dunha iniciativa chamada “movemento de cooperación” para impulsar a realización de prácticas extracurriculares en ONG e organizacións vencelladas á economía social. Ademais, en materia de calidade destacaron a necesidade de reorganizar o Plan de Acción Titorial (PAT), simplificando ao máximo o sistema e fortalecendo a promoción do centro e as actividades desenvolvidas nel. “Son 30 propostas con prazos de execución e identificación de responsables para facilitar na medida do posible a súa posta en marcha”, recalcou o xa novo decano.

Apoio masivo do alumnado

Baixo o lema Ante a elección do novo decano, non te quedes calado, as alumnas e alumnos da facultade mantiveron a semana pasada un encontro con Francisco Torres e o seu equipo para coñecer de preto as súas propostas. Posteriormente a este encontro, a Delegación de Alumnado decidiu facer unha votación estudantil –celebrada o pasado xoves- para coñecer a postura dos estudantes respecto a este tema e os resultados foron nun 98,7% favorables ao nombramento, polo que os representantes en Xunta de Facultade decidiron de xeito claro “votar en consonancia co resto dos estudantes”. Entre as propostas que máis lle gustaron do programa de Torres destacaron a creación de clínicas xurídicas na facultade e unha aula legal permanente (con cursos de idiomas, oratoria, etc).

Comentar noticia

Your email address will not be published.