Apostan por fomentar a visibilización e presenza das mulleres no sector cultural

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, clausurou hoxe en Viveiro o XV Foro da Igualdade, organizado pola Federación provincial de mulleres rurais de Ourense
Publicado por o día 10/06/2018 na sección de Cultura

Apostan por fomentar a visibilización e presenza das mulleres no sector cultural

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apostou hoxe por seguir tomando medidas que favorezan a presenza, permanencia e visibilización das mulleres no mundo da cultura e na produción artística e intelectual.

Así o sinalou hoxe durante a clausura en Viveiro do XV Foro da Igualdade, organizado pola Federación provincial de mulleres rurais de Ourense (Femuro), un acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro

López Abella lembrou que o VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, que marca unha folla de ruta de consenso, inclúe medidas concretas no eido cultural.

En concreto, citou obxectivos como o fortalecementos da visibilización das cuestións de xénero nos fondos documentais e artísticos das institucións galegas; a posta en marcha de accións de promoción das achegas realizadas polas mulleres en ámbitos como o literario, musical ou cinematográfico; e a realización de análises e estudos sobre a situación das mulleres.

Ao respecto deste último punto, recordou que a Xunta asinou un convenio de colaboración co Consello da Cultura Galega para elaborar un informe sobre as condicións sociolaborais das mulleres na industria cultural galega.

Por último, a responsable autonómica apelou tamén á necesidade de fomentar no medio audiovisual unha imaxe das mulleres máis real e afastada de estereotipos sexistas.