A app do Sergas para guiar os pacientes polos centros sanitarios leva máis de 9000 descargas desde o seu lanzamento en xaneiro

A aplicación Sigue permite que os cidadáns poidan atopar de xeito rápido e sinxelo as instalacións de acceso público de varios centros do Sergas
Publicado por o día 28/08/2017 na sección de Galicia,Sanidad

A app do Sergas para guiar os pacientes polos centros sanitarios leva máis de 9000 descargas desde o seu lanzamento en xaneiro

O Servizo Galego de Saúde puxo en marcha en xaneiro a aplicación SIGUE (Sistema Intelixente de Xeolocalización de Usuarios en Edificios), un sistema pioneiro para a localización e guiado de pacientes no interior de varios dos seus centros. Desde entón leva 9.117 descargas, 5.386 a través Google Play y 3.731 da App Store de Apple. A aplicación permite ofrecer un servizo de localización no interior de edificios onde non existe cobertura suficiente dos sinais de satélite utilizado polo GPS.

A app permite tamén consultar as citas programadas no sistema público de saúde, tanto en hospitais como en centros de saúde, ofrecendo a posibilidade de iniciar a navegación ata o centro no que está programada a cita.

Ademais, ao sistema téñenselle incorporado funcionalidades como a asignación das quendas de consulta mediante a propia app, unha vez que o paciente estea no centro -xunto co guiado ata a sala de espera correspondente-, sen necesidade de acudir aos mostradores de cita nin empregar os quioscos habilitados para este fin que teñen algúns centros hospitalarios.

Tamén inclúe a proposta de rutas no exterior ata o centro en que está programada a cita médica; a suxestión de rutas internas ata o punto público do hospital que se elixa; información sobre servizos non sanitarios do edificio (cafetería, prensa, etc.) e da súa contorna e a comunicación dunha posición dentro do centro a outros usuarios da app que figuren como contactos.

Para o funcionamento desta aplicación móbil tense creado un sistema de cartografía de edificios para incorporar os mapas internos dos centros nos que funciona o sistema de guiado. Así mesmo, permitirá utilizar realidade aumentada -igual que nos xogos de última xeración- para orientarse, tanto en exteriores como en interiores.

Polo de agora a app Sigue xa funciona no Hospital Lucus Augusti de Lugo, no Álvaro Cunqueiro de Vigo e no Hospital de Verín ademais de en 22 centros de saúde e no edificio de servizos centrais da Consellería de Sanidade.