Aprender a escoitar para poder gozar da música clásica

O público pode asistir a clases e a ensaios abertos antes de gozar dos concertos
Publicado por o día 26/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Saber escoitar, recoñecer melodías, diferenciar tipos de composicións, coñecer a historia das obras e dos autores… Estas son algunhas claves que permiten que o público poida actuar como espectador activo e sexa quen de gozar realmente da música clásica. Para achegar eses coñecementos básicos á cidadanía e froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Orquestra Vigo 430 naceu o programa escoitANTES. Esta iniciativa, que se puxo en marcha por primeira vez o curso pasado, comprende unha serie de clases teóricas que se complementan coa posibilidade de asistir a ensaios abertos das diferentes propostas musicais que está a preparar a orquestra. Deste xeito, cando as e os espectadores asistan aos concertos contarán cunha bagaxe que lles permitirá escoitar as pezas interpretadas facendo unha aproximación histórica, analítica e contextual.

O programa está coordinado por Cándido Cabaleiro, profesor superior de piano e mestre de Educación Musical e pode participar nel calquera persoa maior de 18 anos sen necesidade de ter coñecementos musicais previos. O obxectivo é paliar a tradicional falta de formación musical básica, que acabou provocando un distanciamento da cidadanía respecto de certo tipo de música que semella tan só ao alcance de expertos capacitados para gozar dela e comprendela. Ademais, grazas a este programa formativo impulsado dende a Orquestra Vigo 430 e a Universidade tamén se proporcionan coñecementos imprescindibles para poder achegarse a certas “obras clásicas e románticas” cada vez máis presentes nos programas de concertos e que necesitan dunha certa aprendizaxe para poder escoitalas.

Ensaios abertos e clases

Serán os ensaios abertos os que primeiro boten a andar e farano no auditorio Martin Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo da man de Myriam Cortizo, xefa de produción. O primeiro deles será o 19 de decembro coas Variacións rococó de Tchaikovsky e despois, tras o Nadal, continuarán o 24 de xaneiro co Concerto para oboe de Macello; o 14 do mesmo mes co Concerto para violín de Beethoven; o 20 de marzo A paixón segundo San Xoán de Bach; o 24 de abril Octeto de Mendelsohn e a derradeira sesión o 28 de maio con Harold en Italia de Berlioz. Todas estes ensaios teñen lugar de 22.30 h a 00.30 h.

Pero a parte básica da programa serán as clases, con catro sesións divididas en dous días, todas elas a cargo de Cándido Cabaleiro. A primeira cita será o 9 de xaneiro, cunha primeira parte ás 18.00 horas centrada en como escoitar concertos solistas e outra a partir das 20.00 horas para aprender a escoitar sonatas, sinfonías, cuartetos, etc. O día seguinte, 10 de xaneiro, tamén haberá dúas sesións co mesmo horario, a primeira centrada na música vocal e a segunda en outras formas musicais, con Tchaikovsky e Berlioz como protagonistas.