Aprender inglés con Drácula, a nova proposta da programación de teatro para escolares de Afundación

Class of vampires poderase ver os días 14, 15 e 16 de xaneiro, ás 10.00 e ás 12.00 h, no Auditorio do Teatro Afundación
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de Eventos,Formación,Galicia,Vigo

Aprender inglés con Drácula, a nova proposta da programación de teatro para escolares de Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta unha nova proposta teatral incluída na súa programación de actividades para escolares, A vampire story, unha historia inspirada no clásico Drácula de Bram Stoker que se representará en inglés. Poderase ver os días 14, 15 e 16 de xaneiro, ás 10.00 e ás 12.00 h, no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo.

Máis de 2400 alumnas e alumnos de 27 centros escolares de Vigo e arredores acudirán a ver esta obra que relata o primeiro día da rodaxe da última versión cinematográfica do clásico Drácula. Os dous protagonistas, bolseiros na rodaxe, reciben a noticia da dimisión do director e veranse na obriga de emprender o traballo por eles mesmos e co guión a medias. Unha versión auténtica, extravagante e divertida na que tamén haberá sitio para Turner, Buffy Cazavampiros e Crepúsculo.

EDUCACIÓN EN VALORES

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto global de educación en valores de Afundación. Partindo da importancia da escola como centro de aprendizaxe, as propostas da Obra Social de ABANCA pretenden complementar o ensino académico, especialmente a instrución, presentando uns espazos e unhas actividades que conxuguen o lúdico e o formativo co fortalecemento de valores esenciais para unha sociedade cohesionada. Deste xeito, a entidade está comprometida coa tolerancia, co

respecto, coa solidariedade e, por suposto, coa adquisición por parte de cada estudante das ferramentas necesarias para perseverar na consecución da súa autonomía persoal.

A propostas da Área Educativa de Afundación, nas que participan anualmente máis de 136.000 escolares, abarcan múltiples disciplinas e fomentan o desenvolvemento de competencias transversais. Así, o seu programa inclúe actividades culturais en artes escénicas e plásticas e de fomento da lectura; actividades interxeracionais que reforzan o respecto e o intercambio de coñecementos entre mocidade e xente maior; actividades de educación ambiental para abordar a importancia do respecto polo medio; actividades de novas tecnoloxías, necesarias para o emprego das ferramentas imprescindibles nunha contorna que innova de maneira permanente; e actividades de cociña que ensinan os beneficios dunha alimentación saudable.

Comentar noticia

Your email address will not be published.