Aprobada a iniciativa do BNG no Parlamento para apoiar a dación en pago para saldar a hipoteca

Noa Presas valora o apoio do PP a unha iniciativa que vetou mentres Mariano Raxoi estivo a fronte do Executivo central
Publicado por o día 28/09/2018 na sección de BNG,Política

Aprobada a iniciativa do BNG no Parlamento para apoiar a dación en pago para saldar a hipoteca

O BNG logrou o apoio de todos os grupos parlamentarios para instar ao Goberno do Estado a que realice as modificacións lexislativas oportunas para que se regule unha moratoria e a dación en pago para as persoas que non poden afrontar a súa hipoteca e para que se incremente o nivel de esixencia do Código de Boas Prácticas bancarias.

A portavoz de Economía, Noa Presas, felicitouse polo cambio de opinión do PP coincidindo coa chegada do Goberno de Pedro Sánchez, despois de ter vetado a mesma proposta en reiteradas ocasións cando en Moncloa se sentaba Mariano Raxoi.

O Bloque explicaba na súa proposta que, na maioría dos casos, as entidades bancarias ofrecen como alternativas a situacións de impago dende créditos persoais ate avais familiares, pero non ofrecen a moratoria de cinco anos estipulada no Código de Boas Prácticas.

Tampouco ofrecen información aos clientes a respecto da posibilidade de acollerse a algunha acción contemplada nese mesmo código, pese a que este indica “a obriga por parte da entidade de informar aos seus clientes das posibilidades de acollerse a unha serie de vantaxes, tan pronto o banco teña coñecemento da falta de pagamento ou do atraso do pago dunha cota”.

“O Código de Boas Prácticas lonxe de supoñer unha penalización á banca é unha norma feita a medida dos seus intereses, pois queda reducido a unha declaración de boas intencións sen que sexa unha ferramenta útil para evitar desafiuzamentos e permitir que, nunha situación de impago, as persoas afectadas poidan continuar na vivenda acolléndose á moratoria e pagando unicamente xuros”, explicaba Presas.

De feito, alega, “o citado Código non obriga á dación en pagamento, polo que perde calquera utilidade para as miles de familias que están en situación desafiuzamento”, de aí a proposta do BNG para que o Goberno central modifique este aspecto e permita a dación en pago con efectos retroactivos.