Aprobada a proposición de Lei do PSdeG para pedir a transferencia de Tráfico a Galicia

Por o 26/02/2019 | Sección: Política,PSOE
Aprobada a proposición de Lei do PSdeG para pedir a transferencia de Tráfico a Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que non se deixe arrastrar pola “deriva centralista” do seu partido. Apelou á coherencia do presidente da Xunta para superar a confusión que lles provoca a presión do Madrid e que levou a que unha proposición de Lei do Grupo Socialista para reclamar a transferencia de Tráfico fora aprobada coa abstención do PP.

O responsable socialista sinalou o cambio de voto do PP, que pasou de aprobar sen reservas unha proposición de Lei idéntica en 2008 e de apoiar unha proposta de Resolución para reclamar o máximo teito competencial no último Debate do Estado de Autonomía a absterse no debate de hoxe. Advertiu que o goberno de Rajoy e a maioría absoluta de Feijóo se traduciron en que en 10 anos Galicia non tivera unha soa transferencia.

Alertou fronte ao centralismo defendido polo seu actual líder, Pablo Casado, negando novas transferencias e apostando por retirarlle ás comunidades autónomas a xestión da Educación, Xustiza, Sanidade e Prisións. Acusounos de “incorporar ás filas do PP o programa político de Vox en relación co modelo de Estado, o que non é a mellor solución para Galicia, aquí somos doutra pasta”.

Fernández Leiceaga reclamou a transferencia de Tráfico a Galicia sen condicionalo polo resultado das próximas eleccións e aproveitando a “sensibilidade favorable ao desenvolvemento do Estado das Autonomías” demostrada opr Pedro Sánchez. Defendeu as “vantaxes do modelo autonómico, atacado polo centralismo e o independentismo”, e puntualizou que “a cesión de competencias significa que se se fai constitucionalmente viable é reforzar o Estado e non debilitalo”.

Mellorar as condicións de vida

O responsable socialista defendeu que transferencia de tráfico ao goberno galego permitirá adecuar a xestión desta materia ás particularidades de Galicia, cunha poboación avellentada, un parque de vehículos envellecido, a orografía complicada e un clima difícil. Todos estes elementos fan que os accidentes de tráfico sexan unha das principais causas de mortalidade entre a mocidade galega.

Sinalou que no último exercicio con datos oficiais, en Galicia faleceron 104 persoas en accidentes de tráfico, polas 85 de Cataluña e 31 do País Vasco, as dúas comunidades autónomas que si dispoñen da competencia. Dixo que a transferencia “de por si non suporá a baixa automática do número de sinistros” pero si permitirá “desenvolver políticas públicas máis eficaces na liña de reducir sinistros, mortos e feridos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.