Aprobada a Comisión de Investigación do Accidente de Angrois no Congreso a instancias de En Marea

A iniciativa saiu adiante cos votos a favor de todos os grupos agás o Partido Popular.
Publicado por o día 28/09/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

Aprobada a Comisión de Investigación do Accidente de Angrois no Congreso a instancias de En Marea

O Pleno da Cámara Baixa aprobou este xoves iniciar os trámites para a creación dunha comisión de investigación do accidente do Alvia en Angrois, no que faleceron 80 persoas e numerosos feridos.

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, lembrou que “traemos de novo a Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia após de tres intentos, con veto incluido, e confiamos en que hoxe saia adiante”.

Tildou “o exercicio de persistencia de En Marea como una carreira de obstáculos. O mesmo que tivo que padecer a Plataforma de vítimas”. Reprochou ao PP non ter escoitado nin atendido a demanda das vítimas ao longo destes catro anos.
“Tiveron que acudir a instancias europeas” debido ao bloqueo que existiu no Estado español.

“Un bloqueo promovido polo Ministerio e polos responsábeis políticos: vetos, silenzos, investigacións non independentes e vostedes mirando cara outro lado”.

Ademais, denunciou a “estratexia que probablemente contaba co esgotamento da plataforma”, pero, enfatizou, “cecáis non calcularon as dimensións de forza, tesón e esforzo que se podía xerar con tanto dolor”.

A parlamentar de En Marea sinalou que foi en Europa onde as vítimas atoparon o recoñecemento que se lles negou no estado español. “Tiveron que ir a Bruxelas para plantexar algo tan básico como seren atendidas e poder expresarse”. Fernández aludiu á posición da Comisión Europea e o Informe da Axencia Ferroviaria Europea que piden que se faga unha nova investigación porque a da CIAF non foi independente.

“Non hai independencia na CIAF”
“Cal foi a resposta do Ministro de Fomento?. Mais unha vez o silenzo. O único que fixo foi tirar balóns fóra dicindo que a CIAF é un órgao independente do Ministerio e que non podía solicitar que se reabrise a investigación”.

A deputada de En Marea desmontou o pretendido argumento da independencia: “Resulta curioso que uns meses após o Ministerio promovese presidir a CIAF a unha das persoas que formou parte do informe infame no que se culpaba únicamente ao maquinista. O Ministro dixo que non podía facer nada, pero coloca a un señor que dixo que se negaba a reabrir a investigación. É un escándalo!”.

A parlamentar de En Marea empregou a ironía para dirixirse ás bancadas do PP e poñer de manifesto que “están de sorte. Hoxe teñen aquí unha nova oportunidade de respostar á instancia europea afirmativamente. Se este Goberno está disposto a acatar as indicacións de Europa, teñen que partillar que se aprobe a Comisión de Investigación”.

“Se vostedes señorías do PP néganse, deberían ser investigados para saber por que intentan ocultar a verdade”

Fernández interpelou directamente ao PP: “Queren coñecer as causas do accidente e correxir os fallos tal e como demanda Europa ou van a seguer coa estratexia do silenciamento votando en contra?”. A continuación, leu as conclusións da Axencia Ferroviaria Europea criticando a falla de independencia da CIAF e o incumprimento da normativa europea. Tamén puxo de manifesto que non se investigaron as causas e non se fixo a avaliación de riscos, a pesar de que a Directiva europea obriga a realizala e a aplicar as medidas de control.

Criticou que na equipa de investigación estivesen organismos como Renfe, Adif e INECO, que se colocase na CIAF ás propias empresas responsábeis. “Só hai que ver un exemplo. Ineco participa na investigación cando era a empresa que validaba a seguranza da liña. Non lles resulta todo excesivamente endogámico? Non lles parece que todo remite ao Ministerio de Fomento e aos seus adláteres?”.

Alexandra Fernández apelou ao PP a dicer non á petición da Axencia Ferroviaria Europea e da Comisión Europea. “Como van dicer que non a que se investigue de novo? Cos dados obxectivos na man, se vostedes señorías do PP néganse, deberían ser investigados para saber por que intentan ocultar a verdade”.