Aprobada en Pleno a autorización de gasto para a obra de saneamento de Pereiras

Os traballos iniciaranse este ano e continuarán durante parte do que ven
Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Galicia,Mos

Aprobada en Pleno a autorización de gasto para a obra de saneamento de Pereiras

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Mos aprobou por maioría dos seus membros na sesión ordinaria celebrada o pasado 28 de setembro, a autorización de gasto plurianual da obra do saneamento de Pereiras. Trátase dun proxecto de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Pereiras que ten como obxectivo ampliar a rede de saneamento existente na parroquia, para o que se proxectan colectores de PVC de 315 mm de diámetro que funcionarán por gravidade ata as conexións con pozos existentes.

Distínguense dúas zonas de actuación, que verten a dous pozos distintos: na zona Norte amplíase a rede nuns 750 metros nos núcleos de Casal e Pazos, desde a estrada Pereiras- Tameiga ata a conexión coa rede existente no cruzamento do Camiño da Muralla e o Camiño do Casal. Na zona Sur, proxéctanse uns 2.100 metros de colectores, desde o Camiño do Couso (Pazos) ata a conexión co pozo do Consorcio de Augas do Louro, no Camiño das Lagoas. En total a instalación sumará preto de tres quilómetros de nova rede de saneamento que dará servizo a unas 60 vivendas.

Ademais inclúense ramais transversais que permiten dar servizo a máis vivendas, como o ramal polo Camiño da Fábrica, desde a estrada da autonómica PO-331 Porriño-Gondomar, o ramal polo Camiño do Agro, o Camiño da Casanova e o Camiño Xaberga. Para executar a actuación, será necesario dispoñer de servidumes de paso, para os tramos que discorren por terreos privados, así como obter as autorizacións dos organismos afectados.

Os traballos iniciaranse dentro do presente ano 2018 e prolongaranse durante parte do vindeiro 2019. O orzamento deste proxecto ascende a 446.369 euros e sobre a financiación do mesmo a rexedora local, Nidia Arévalo, informou que dende o Concello lévase varios meses en negociacións con Augas de Galicia de cara á obtención dunha subvención a tal fin. Sen ben, a aprobación do gasto foi xa levada a Pleno para poder iniciar a obra dentro deste mesmo ano.

Primeira fase

Este proxecto supón a segunda fase do saneamento en Roublín que foi rematado e recepcionado a finais do pasado mes de xuño. A obra de acometida da rede de saneamento en Roublín-Pereiras foi posible grazas a un convenio de colaboración entre a consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Mos, polo que a Xunta destinou unha dotación de 500.000 euros para financiar íntegramente estes traballos.

O de Roublín tratouse dun convenio de colaboración a tres bandas entre Augas de Galicia (dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio), o Consorcio de Augas do Louro e o Concello de Mos para execución da rede de saneamento nesta zona da parroquia de Pereiras.

As obras en Roublín consistiron na execución de nove ramais de colectores que finalizan nun pozo de bombeo, e a súa correspondente impulsión. Os colectores executados nesta primeira fase suman unha lonxitude total de 2.058 metros e dan servizo a 114 vivendas e preto de 250 persoas.

Unha vez rematadas ambas fases o saneamento na parroquia de Pereiras quedará prácticamente instalado ao 100% quedando tan só pendentes pequenos puntos illados.