Aprobada iniciativa de En Marea para análise das estradas nacionais en Galicia e definición dunha estratexia para mellorar a seguridade vial

A iniciativa de en Marea, apróbase facer un estudo dos problemas de seguridade vial de estradas nacionais ao seu paso por concellos galegos.
Publicado por o día 24/04/2018 na sección de En Marea,Galicia,Política

Aprobada iniciativa de En Marea para análise das estradas nacionais en Galicia e definición dunha estratexia para mellorar a seguridade vial

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, defendeu este martes na Comisión de seguridade Vial a iniciativa de En Marea sobre a necesidade de delimitar travesías urbanas ou tramos na rede de estradas do Estado en Galicia, que finalmente foi aprobada con todos os votos a favor agás a abstención do Partido Popular.

“Pedimos un estudo da rede de estradas galegas para adaptar as estradas nacionais á realidade concreta. A linealidade da estrada nacional xera confusión na mobilidade entre camións, peatóns e vehículos. É demasiado lenta para quen pasa por ela e moi rápida para quen vive alí”, sinalou a deputada.

Fernández insistiu en que “Galiza presenta particularidades que agravan a seguridade viaria: territorio complexo, industrialización tardía e un modelo tradicional de asentamento de pequenas células de poboamento”.

“O normal sería que tivéramos competencias plenas na xestión das estradas para dar resposta á nosa realidade específica, pero Goberno négase sistematicamente a descentralizar competencias perpetuando as desigualdades territoriais”, sinala.

A deputada explicou na Comisión que “cando a estrada nacional non é un feito puntual, senón que é o punto de partida da urbanización, xérase un conflito de gobernanza” polo que “instamos ao Goberno a transferir competencias”.

“Ante a linealidade das estradas nacionais que provocan confusión na mobilidade, solicitamos un estudo para elaborar unha estratexia de seguridade viaria para as estradas nacionais en Galicia”, explicou.

Ademais, sinalou o caso concreto de varias estradas afectadas  e falou do caso particular da entrada da Autopista do Atlántico, a AP-9, en Vigo.

“Consideramos convinte recordar que esta Comisión aprobou a finais de novembro unha proposición non de lei ao respecto para que se proceda á conversión en travesía urbana do tramo da AP-9 desde a zona de Torres de Padín ata o centro de Vigo. Facemos fincapé nesta exemplificación dunha situación extrema posto que se trata dunha vía de alta capacidade entrando na urbe máis poboada de Galicia”, engadiu.