Aprobada a iniciativa de En Marea para instar aos países responsables dos vertidos contaminantes para asegurar a vixilancia dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica

O viceportavoz de En Mara no Parlamento, Antón Sánchez, destacou a longa capítulos de contaminación que arrastran as nosas costas algún deles co agravante de ter sido deliberados
Publicado por o día 01/03/2018 na sección de En Marea,Política

Aprobada a iniciativa de En Marea para instar aos países responsables dos vertidos contaminantes para asegurar a vixilancia dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a iniciativa de En Marea na que se pedía que a Xunta de Galicia solicite aos países responsables dos vertidos que os manteñan baixo unha vixilancia estrita e constante, e que emitan informes ao respecto para garantir que non están contaminando o medio ambiente. O viceportavoz e En Marea no Parlamento, Antón Sánchez, destacou a longa historia de contaminación que arrastran as costas galegas con tristes capítulos como o Prestige pero tamén outros que contan co agravante de ter sido deliberados. “Durante décadas, oito países europeos verteron residuos nucleares preto da nosa terra” salientou Sánchez. Entre 1949 e 1982, Gran Bretaña, Bélxica, Holanda, Francia, Suíza, Suecia, Alemaña e Italia desfixéronse dunhas 140.000 toneladas de material contaminante na Foxa Atlántica. Empregaron para elo bidóns de aceiro e formigón que non estaban deseñados para conter indefinidamente os residuos.

Algúns dos vertidos, como os británicos de 1964, permanecen a só 200 quilómetros de Asturias como lembrou o viceportavoz de En Marea. Non obstante, 35 anos despois, os gobernos do PP prefiren mirar cara outro lado en vez de fiscalizar se o material supón algún tipo de risco para o medio ambiente e a saúde. De feito, ninguén parece ter moi claro a quen lle corresponde vixialo.

O Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), que considera os residuos de baixa intensidade, asegura que non é a súa competencia vixiar o seu estado. A Organización Marítima Internacional (IMO) entende que o control das verteduras lle atinxe á OIEA e á OSPAR, unha organización creada por diversos gobernos europeos e a propia Unión Europea co obxecto de protexer o medio ambiente mariño no Atlántico nororiental. Porén, a OSPAR nin sequera sabe cando se realizou o último estudo sobre os bidóns radioactivos ou cando se realizará o próximo. Mentres tanto, o Estado español limítase a botar balóns fora dicindo que non é a súa competencia. Ao parecer, protexer a saúde dos españois e o medio ambiente non forma parte das súas atribucións.

O grupo de En Marea considera que non tería que ser preciso subliñar que os vertidos de residuos nucleares precisa dun control constante, xa que os riscos que entrañan non desaparecen co paso do tempo. Polo tanto, “é de xustiza que os responsables de depositar milleiros de toneladas de material contaminante ao carón das nosas costas asuman a responsabilidade dos mesmos, vixiándoos e elaborando informes que garantan á limpeza das augas”.

Neste sentido En Marea defende que o Goberno da Xunta e do Estado español fagan valer os intereses dos galegos e galegas perante o resto da Comunidade Europea. “A inacción política de Núñez Feijóo e Mariano Rajoy neste tema podería ter consecuencias funestas para todos e todas nós” asegurou Antón Sánchez.

Por todo o anteriormente exposto o Grupo Parlamentario de En Marea presentou unha Proposición non de lei para o seu debate en Comisión:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que faga as xestións pertinentes ante as institucións europeas e os países responsables dos vertidos, que permitan asegurar a vixilancia dos vertidos nucleares na Foxa Atlántica así como obter información que garanta que non están tendo impacto no medio ambiente, e a realizar todas as xestións políticas ao seu alcance para conquerir estes obxectivos”