Aprobada a iniciativa de En Marea na que se insta aos bancos a crear unha conta de servizos mínimos esenciais con custe cero para persoas máis vulnerables

O deputado de En Marea, Francisco Casal, destacou a importancia desta medida para loitar contra a exclusión financeira cada vez maior dunha parte da sociedade ao non poder facer fronte aos gastos impostos desde as entidades bancarias por xestión e mantemento das contas.
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Aprobada  a iniciativa de En Marea na que se insta aos bancos a crear unha conta de servizos mínimos esenciais con custe cero para persoas máis vulnerables

O Parlamento de Galicia aproba por unanimidade á iniciativa de En Marea defendida polo deputado Francisco Casal esta mañá na comisión de Economía para a creación dunha conta bancaria de servizos mínimos esenciais. Na súa intervención o deputado de En Marea destacou a necesidade actual de ter acceso a unha conta bancaria para poder ter unha integración social plena. “Para recibir unha nómina, percibir calquera prestación social, ou realizar pagos telemáticos é necesario ter unha conta bancaria e pese a isto existe unha situación cada vez máis xeneralizada de exclusión financeira, que non é senón un elemento máis da exclusión social¨ saliento Francisco Casal.

A mellor solución para eludir a brecha social de acceso aos dereitos financeiros e bancarios sería a creación dunha banca pública, tanto estatal como autonómica, pero entre tanto non haxa unha maioría parlamentaria para conseguilo, o grupo parlamentario de En Marea considera urxente poór en marcha medidas que palíen a situación actual. De feito, a UE fixo da inclusión financeira una das súas políticas sociais realizando recomendacións respecto diso. Faise necesario abrir a posibilidade de acceso a uns Servizos Bancarios Mínimos Esenciais que permitan acceder a un custo reducido ou nulo aos mesmos, eliminando a exclusión financeira que sofren os máis desfavorecidos.

Por iso, En Marea considera necesario deseñar un sistema que estableza a obrigación de ofrecer, por parte de todas as entidades financeiras, unha Conta Bancaria de Servizos Bancarios Mínimos Esenciais, ou Conta Básica, con custo nulo ou moi reducido. A Fin de garantir que as contas de pago básicas estean a disposición do maior número posible de consumidores deben ofrecerse de maneira gratuíta ou a cambio dunha comisión razoable. Para animar aos consumidores vulnerables que non dispoñen de conta bancaria a participar no mercado bancario minorista, os Estados membros deben poder dispor que se lles ofrezan contas de pago básicas en condicións particularmente vantaxosas, por exemplo, de forma gratuíta”.

“En Galicia dáse o caso de que todas as cidadáns tivemos que rescatar á principal entidade de aforro, Abanca, con máis de 9.000 millóns, cantidade similar ao orzamento anual da Xunta de Galicia. Por iso consideramos que Abanca ten un deber engadido e debería acollerse a esta medida de maneira voluntaria e sen ningún custo para as cidadás e cidadáns en situación vulnerable¨ defendeu Francisco Casal.

Por contra estase dando a situación de que os perceptores da RISGA están obrigados a ter unha conta corrente ou de aforro para que a administración poida abonarlles as percepcións ás que teñen dereito. Abanca está a cargar a estes perceptores da RISGA unha comisión anual da contorna de 60 euros, 14 por cento dos seus ingresos mensuais ou o equivalente do que poden gastar en comer durante máis dunha semana. Unha situación totalmente inadmisible para o grupo parlamentario de En Marea.

Coa aprobación da iniciativa de En Marea, o Parlamento de Galicia acordou:

1.- Instar o Goberno de España a crear unha conta corrente de servizos mínimos esenciais.

En colaboración co Banco de España, o Goberno deberá crear unha Carta de “Servizos Bancarios Mínimos Esenciais” ou “Servizos Bancarios Básicos” que todas as entidades bancarias deberán ofrecer a un custo reducido (como máximo anualmente unha cantidade equivalente ao 1% do SMI mensual) ou custo cero. Entre os servizos que deberían ser considerados como “Servizos Bancarios Mínimos Esenciais” ou “Servizos Bancarios Básicos”, polo menos, atoparanse os seguintes:

– Apertura e mantemento da conta de servizos mínimos. – Tarxetas de débito para operar con esa conta.
– Acceso á conta a través de caixeiros e todos os dispositivos dos que dispoña o banco.
-Realizar depósitos, reintegros, pagos e transferencias interbancarias nacionais sen restricións no número de operacións.
A “Conta Bancaria de Servizos Esenciais” ou “Conta Básica” debe cumprir polo menos os seguinte requisitos:
– O usuario só poderá ter unha conta bancaria aberta en forma de Conta Bancaria de Servizos Esenciais.
-A conta ten que estar aberta como mínimo un ano.
-Ten que ter un saldo medio máximo (que se calculará como porcentaxe do SMI).
No caso de que a conta non cumpra estes requisitos, a entidade bancaria poderá cancelala.

2.- Namentres o Goberno do Estado pon en marcha de maneira xenérica a “Conta Básica Bancaria” ínstase á Xunta de Galicia a dirixirse a todas as entidades bancarias con actividade en Galicia para recomendarlles ofrecela de maneira voluntaria a todas á cidadanía vulnerable e, de maneira automática, a todas aquelas persoas que acrediten:

– Ser perceptores da RISGA ou calquera outra renda de inserción.
– Que poidan acreditar que os seus ingresos mensuais son inferiores ao SMI.
– Que, sen poder acreditar os seus ingresos, dispoñan dun certificado dos Servizos Sociais Municipais ou Autonómicos, de atoparse en situación de vulnerabilidade.

Así mesmo, desenvolver os mecanismos necesarios para garantir que os custos destas medidas non sexan trasladados ás persoas usuarias polas entidades bancarias.

Una respuesta para "Aprobada a iniciativa de En Marea na que se insta aos bancos a crear unha conta de servizos mínimos esenciais con custe cero para persoas máis vulnerables"

  1. Gamela   10/06/2017 at 11:49

    Por fin unha iniciativa sensata, veremos o caso que lle fan a tanta UNANIMIDADE ?