Aprobada iniciativa de En Marea na que se pide á Xunta que inste ao Estado a axilizar a construción da conexión ferroviaria no Porto Exterior da Coruña

Para En Marea, “é inadmisible tanto o retraso da DIA que é o paso previo necesario para a elaboración do proxecto construtivo como a falla de explicación das causas de este retraso.
Publicado por o día 15/03/2017 na sección de A Coruña,En Marea,Galicia,Política,Vigo

Aprobada iniciativa de En Marea na que se pide á Xunta que inste ao Estado a axilizar a construción da conexión ferroviaria no Porto Exterior da Coruña

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha proposición non de Lei presentada por En Marea pola que o Parlamento de Galicia instará á Xunta de Galicia a se dirixir ao Goberno do Estado para esixir axilización do proceso administrativo, estudo informativo, declaración de impacto ambiental e Proxecto construtivo, da conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña. Así mesmo, inclúe esixir ao Goberno central unha dotación orzamentario para este ano e seguintes que garanta o cumprimento dos prazos de conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña.

O viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, destacou na súa intervención en comisión o feito de que non se reflicta ningunha dotación orzamentaria para a execución destas obras.  “Unicamente se contemplan 1,1 millóns, previstos no Plan de Empresa da Autoridade Portuaria, aprobado o 22 de decembro de 2016, pero que se corresponden unicamente co orzamento referido ás asistencias técnicas“ explicou Sánchez. En consecuencia, da previsión dos 101,1 millóns anunciados por Fomento para dita conexión, so 1,1 millóns están orzamentados, pero os restantes 100 millóns, non teñen financiamento comprometido nin previsto.

“Só hai tres Portos no Estado que quedan sen concreción da dotación orzamentaria, o da Coruña, con 100 millóns, o de Baleares, con 9 millóns, e o de Castelló con 81 millóns“ sinalou o viceportavoz parlamentario.

O 30 de xuño de 2016 adxudicouse o contrato (formalizado o 20 de xullo de2016) para a redacción do proxecto de conexión ferroviaria (adxudicado por 1,6 millóns de euros, e cun prazo de entrega de 14 meses), pero dito proxecto construtivo está condicionado pola aprobación definitiva do estudo informativo e da DIA (deDeclaración de Impacto Ambiental). O “Estudio Informativo del Acceso Ferroviario al Puerto Exterior de A Coruña en Punta Langosteira” foi sometido a información pública no BOE de 31 de xullo de 2014 e non consta como aprobado, co que concluímos que a DIA tampouco, pese a que tiña que estar formulada en maio de 2016 e a día de hoxe continúa estar na mesma situación.

Por todo isto, En Marea presentou esta proposición non de lei na que se pide la axilización desta conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña, fundamental para o desenvolvemento e futuro desta infraestrutura na que se investiron xa 590 millóns de euros e segue sen contar coa imprescindible infraestrutura.

Declarar a caducidade a concesión mineira a ERIMSA

A segunda das iniciativas defendidas por En Marea na Comisión desta mañá pedíase que o Parlamento de Galicia instase á Xunta a declarar a caducidade da concesión mineira a ERIMSA, publicada no DOG o 28 de novembro de 2006 e no BOP de Lugo o 7 de novembro de 2016. Nesta publicación outorgáronse diversas concesións referenciadas en data 14 de setembro de 2006. A finais do ano 2012 e principios do 2013 denegáronselle todas as licencias urbanísticas para poder explotar a concesión. En varias ocasión varios colectivos e particulares teñen solicitada a declaración de caducidade das concesións mineiras, en base a inactividade regulada na lexislación sectorial. O artigo 109 do Regulamento Xeral para o Réxime da Minería, aprobado por Real Decreto 2857/1978, de 25 de agosto, sinala que as concesións de explotación de recursos da Sección c declararanse caducadas, entre outros motivos por:

  • Por incumprimento da obriga de iniciar os traballos no prazo dun ano a partir do outorgamento da concesión.
    e. Por incumprimento grave ou, no seu caso, reiterado dos prazos, forma e intensidade dos traballos aprobados nos proxectos e plans de labores.
  • Por incumprimento reiterado da obriga de presentar, dentro dos prazos regulamentarios, o plan de labores anuais.
  • Por incumprimento das condicións impostas no título da concesión ou nos plans de labores anuais cuxa inobservancia estivese expresamente sancionada coa caducidade.

No caso presente concorren cando menos dúas destas causas para declarar caducada as concesións, sen embargo, as caducidades non foron declaradas, nin foi contestada ningunha das solicitudes.  Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario de En Marea presentou esta iniciativa que foi rexeitada polo PP alegando sen moito algún que a Xunta podería ser denunciada no caso de levar a diante esta declaración de caducidade. Esta afirmación foi desmentida polo viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, que lembrou que a propia Xustiza desestimou a demanda presentada pola empresa avalando a decisión de denegar dúas das concesións. Un feito que asegura o mesmo apoio para o resto de concesións xa que están nas mesmas condicións.