Aprobada iniciativa de En Marea contra o peche do servizo de venta de billetes en varias estacións de tren galegas

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, denunciou que o que se persegue é o desmantelamento de todos os servizos de viaxeiros destas estacións co fin de acadar un descenso de utilización e ocupación que serva de pretexto para o peche definitivo.
Publicado por o día 15/02/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

Aprobada iniciativa de En Marea contra o peche do servizo de venta de billetes en varias estacións de tren galegas

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a iniciativa de En Marea para instar á Xunta a solicitar do Ministerio de Fomento a deixar sen efecto a decisión de Renfe e Adif de pechar o servizo de venda de billetes e atención ao viaxeiro en diversas estacións de Galicia no rural. O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, cualificou a decisión de pechar a atención presencial ao viaxeiro nas estacións de Guillarei, O Carballiño, O Barco, A Rúa e Ribadavia como “lamentable“ e enmarcouna dentro dun proceso continuo e imparable de degradación do servizo.

“Este peche ademais de furtar a unha parte da sociedade galega dun servizo básico e fundamental como é a venda e información persoal, suporá o traspaso deste persoal a outras divisións da compañía coas consecuencias que todos podemos entender suporá“ denunciou Antón Sánchez durante a súa intervención en comisión. En Marea asegura que este proceso persigue un obxectivo último como é a desmantelamento de todos os servizos de viaxeiros de todas as estacións que non sexan nas cidades galegas co fin de acadar un descenso de utilización e de ocupación que sirva de pretexto para o seu peche definitivo polo que a Xunta de Galicia ten que trasladar a súa total oposición. Un peche que deixa sen servizo a mais de 160.000 viaxeiros, dificultando o servizo para os usuarios habituais, pero tamén reducindo a calidade e polo tanto a imaxe que de nos reciben os numerosos turistas que usan este servizo.

Dende este Grupo Parlamentar non entenden tampouco que a alternativa sexan puntos de autovenda que unicamente aceptan o pago con tarxeta, facilitando unha vez mais o negocio bancario fronte a realidade actual, onde o 90 por cento dos billetes vendidos nesas estacións, o é en metálico. Estes traballadores de venda directa tamén garanten a apertura dos vestíbulos destas estacións, feito que non poderá facerse con este novo modelo, o que supón en moitos casos que os usuarios queden afectos ás inclemencias do tempo e polo tanto un elemento máis de deterioro do servizo e perda de potenciais usuarios.

Por todo isto, En Marea levou á sesión de comisión desta mañá esta iniciativa co fin de que o Goberno galego defenda os intereses dos usuarios e usuarias do servizo ferroviario en Galicia e esixa ao Ministerio de Fomento a deixar sen efecto a decisión de Renfe e Adif. Iniciativa que foi apoiada por todos os grupos do Parlamento.