Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de instar ao Goberno a asinar o convenio 189 da OIT para ampliar os dereitos das traballadoras domésticas

Tamén se acordou solicitarlle á Xunta que abra unha mesa de diálogo coas organizacións do sector para mellorar as súas condicións laborais
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de En Marea,Política

Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de instar ao Goberno a asinar o convenio 189 da OIT para ampliar os dereitos das traballadoras domésticas

A Proposición Non de Lei defendida esta mañá no Parlamento de Galicia pola deputada de En Marea  Paula Quinteiro foi aprobada por unanimidade nos puntos referidos á apertura dunha mesa de diálogo coas organizacións do sector das traballadoras do fogar co fin de mellorar as actuais condicións laborais destas e avaliar o cumprimento da lexislación vixente e de instar ao Goberno do Estado a asinar o Convenio 189 da OIT de cara a garantir unhas condicións de traballo dignas.

“A historia das traballadoras deste sector, está marcada polas promesas que non se levaron adiante, polas demoras en poñer en práctica reformas tan urxentes coma necesarias”, denunciou Quinteiro na súa intervención, ademais de reclamar de xeito inmediato a equiparación destas traballadoras ao Réxime Xeral e cumprir cos anuncios de que se ía a asinar o Convenio 189 da OIT, “porque ambas cuestións, a día de hoxe, seguen sen facerse efectivas”.

Para a parlamentaria de En Marea “sería positivo que fose obrigatorio rexistrarse como empregador para poder contratar a unha traballadora do fogar, porque serviría para visibilizar a situación e tamén como mecanismo de control das condicións laborais de cada unha das empregadas domésticas”.

“Unhas condicións que  non só condenan ás mulleres á precariedade na súa vida laboral senón tamén nas súas pensións, pois este é un dos sectores onde as cotizacións son máis paupérrimas, e onde teñen as peores condicións de xubilación”, lembrou a parlamentaria de En Marea.

No ano 2011 un Real Decreto regulou por primeira vez a relación laboral de carácter especial  do traballo do fogar, pero os avances que se deron foron insuficientes. “Algunhas das cuestións que quedaron pendentes con este Decreto, foron o dereito ao seguro por desemprego, a non limitación da xornada laboral a 40 horas, o recoñecemento da realización de horas extraordinarias, ou a exclusión expresa da Lei de Riscos Laborais”, sinalou Quinteiro, para quen “outra das grandes desigualdades que existen agora no sector do servizo doméstico chámase despido por desestimento”.

De feito, a iniciativa de En Marea tamén propuña realizar un estudo sobre as condicións das traballadoras de servizos no fogar en Galicia e levar adiante unha campaña de sensibilización cos resultados acadados e derrogar a relación laboral de carácter especial e incluír de forma inmediata ás traballadoras de servizos no fogar no Réxime Xeral da Seguridade Social e no Estatuto do Traballador, sen que exista ningunha diferenza. Pero estes dous puntos foron rexeitados cos votos en contra do Partido Popular.

Comentar noticia

Your email address will not be published.