Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de recuperar o servizo público de recollida de plásticos agrícolas por parte da Xunta

Davide Rodríguez: “A irresponsabilidade da Xunta ao cancelar este servizo está xerando un grave problema medioambiental, social e paisaxístico”
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de En Marea,Política

Aprobada por unanimidade a proposta de En Marea de recuperar o servizo público de recollida de plásticos agrícolas por parte da Xunta

Os catro grupos da Cámara aprobaron hoxe a iniciativa de En Marea que propón instar á Xunta de Galicia a estudar a implantación de medidas para colaborar cós concellos na recollida e transporte dos plásticos de orixe agrícola. Ademais, tamén se lle deu luz verde á proposta de facer unha campaña de concienciación entre gandeiros e gandeiras e agricultores e agricultoras para aumentar o volume de plástico que se está a recoller e para a súa axeitada xestión.

“A práctica habitual do vertido ou da incineración de xeito incontrolado supón un problema medioambiental, que orixina un deterioro progresivo e acumulativo do contorno, tendo ademais en conta o impacto paisaxístico derivado da proliferación de puntos de abandono destes materiais”, sinalou na Comisión de Agricultura o deputado promotor da iniciativa, Davide Rodríguez, que criticou que o actual goberno de Feijóo suspendese o Programa de Recollida de Plástico Agrícola posto en marcha na época do bipartito.

“Este sistema, que evitaba que os plásticos agrícolas acabasen ciscados por leiras ou montes ou queimados de forma incontrolada, non funciona a día de hoxe, o que vemos como unha grave irresponsabilidade da Xunta por cancelar este servizo, o que está xerando un grave problema medioambiental, social e paisaxístico”, lembrou Rodríguez.

A cantidade de plástico agrícola (plástico e bolsas de silo, plástico de invernadoiro) que se xera en Galicia ao longo dun ano é de aproximadamente 7.700 toneladas. Para En Marea é fundamental que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asuma esta responsabilidade de xeito inmediato e tamén propuña que este servizo se prestase a través dunha empresa pública. Porén, este último punto da iniciativa foi rexeitado cos votos en contra do Partido Popular.

Comentar noticia

Your email address will not be published.