A proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Montse Prado para instar á Xunta e ao Estado a mediar no conflito laboral da concesionaria do servizo de helicópteros, Babcock, antiga INAER, foi aprobada hoxe por unanimidade na Comisión de Pesca.
A parlamentaria nacionalista lembrou que os traballadores e traballadoras iniciaron unha folga o pasado 17 de maio que continuaron cun calendario de paros ao longo do mes que se prolongarán durante os meses xuño e xullo no caso de non atender as súas demandas.
Os traballadores e traballadoras, explicou a deputada do BNG, “non aceptan a redución salarial e denuncian a precarización progresiva do servizo con recortes no cadro e persoal en talleres e tripulacións así como a falta de pezas de reposto”, circunstancias que inciden na prestación do servizo e eliminan dereitos laborais adquiridos.
A deputada insistiu en que a Xunta de Galiza mantén contratos millonarios coa empresa e “non pode poñerse de perfil” ante os problemas dos traballadores e traballadoras. Os cartos públicos, recalcou Prado, non poden “fomentar a precariedade laboral” polo que incidiu na necesidade dun compromiso por parte da Xunta para resolver a situación, compromiso que será ademais trasladado ao Estado.
Na súa intervención criticou que a primeira solución da conselleira de Mar, Rosa Quintana fora a aplicación de servizos mínimos ao cen por cen dos traballadores que operan habitualmente nos labores de salvamento marítimo e contra os incendios forestais.
Trala aprobación da iniciativa nacionalista, que aceptou unha emenda de engadega do Partido popular, o Parlamento insta á Xunta de Galiza a mediar para que o conflito se resolva favorablemente para os intereses que demandan os traballadores e se garanta a calidade do servizo. O acordo será trasladado ao Estado para iniciar as xestións na mesma liña e dentro das súas competencias, polo que ambas administracións traballarán conxuntamente.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.