Aprobada por unanimidade unha iniciativa de En Marea para definir o concepto de vivenda baleira na lei e que os concellos poidan aplicar recargos no IBI

A proposta defendida por Antón Sánchez insta o Goberno do Estado saído das urnas a actuar nun prazo de seis meses, e en caso de non facelo, debe ser a Xunta quen tome a iniciativa
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de En Marea,Política

Aprobada por unanimidade unha iniciativa de En Marea para definir o concepto de vivenda baleira na lei e que os concellos poidan aplicar recargos no IBI

A comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento galego aprobou por unanimidade este venres unha iniciativa de En Marea para definir o concepto de vivenda baleira na lei e que os concellos que o consideren oportuno poidan aplicar recargos no IBI aos grandes posuídores para incentivalos a mobilizar esas vivendas. A proposta, defendida por Antón Sánchez, insta o Goberno do Estado que saia das urnas o 28 de abril a definir nun prazo de seis meses o concepto de vivenda baleira na normativa básica estatal, e no caso de que non o faga, sería a Xunta quen tería que actuar nos dous meses seguintes modificando a Lei de Vivenda de Galicia para delimitar este concepto.

“Hai tempo que vimos dicindo que non pode ser que haxa vivendas baleiras dos grandes posuídores e especuladores mentres a xente non ten onde vivir e se producen desafiuzamentos. Temos feito moitas propostas para que isto non aconteza, para que a vivenda cumpra coa súa función social, que é albergar á xente e que teña dereito a unha vivenda digna”, indicou Antón Sánchez. Esta medida chega despois da aprobación polo Goberno central dun decreto lei sobre medidas urxentes para a vivenda que abre a posibilidade de que sexan as autonomías as que definan o concepto de vivenda baleira para que a partir da Lei de Facendas Locais, os concellos poidan aplicar un recargo do IBI.

O deputado de En Marea remarcou que “demos un pasiño máis na loita polo dereito á vivenda. Celebramos este acordo aínda que queda moito por percorrer. É importante que nun prazo de non máis alá dun ano Galicia poida contar con esta ferramenta para fomentar a mobilización do parque de vivendas baleiras. É un éxito por parte do noso grupo parlamentario e seguiremos traballando na defensa dos dereitos da xente, do dereito a gozar dunha vivenda digna”.