Aprobada a proposta de En Marea para que o mel envasado recolla na etiqueta a orixe do produto

Paula Quinteiro: “Demos un gran paso na defensa do mel do noso país, porque moi frecuentemente figura como mel da UE en envases que levan unha cantidade ínfima de produto de aquí”
Publicado por o día 16/03/2017 na sección de Alimentación,En Marea,Política,Vigo

Aprobada a proposta de En Marea para que o mel envasado recolla na etiqueta a orixe do produto

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei de En Marea na que se insta ó Goberno do Estado a que introduza os cambios normativos que obriguen a indicar con claridade o país de orixe do mel envasado en España.  É unha vella demanda da Asociación Galega de Apicultores, que nunha xuntanza cos deputados Paula Quinteiro e Davide Manzaneda lles trasladaron a necesidade de corrixir as ambigüidades no etiquetado do mel.

“Hoxe demos un paso moi importante  porque é moi relevante que deixe de figurar como mecla de UE/nonUE meles que levan unha cantidade ínfima de mel de aquí”, celebrou Paula Quinteiro, a encargada de defender a proposta na Comisión de Agricultura, que agradeceu o traballo dos colectivos á hora de facer achegas ás iniciativas parlamentarias.

O etiquetado de produtos é unha competencia estatal polo que será a Xunta quen inste ó Goberno central  ao modificado para que o consumidor coñeza aqueles meles que conteñen produto procedente  de países como a China ou Brasil, sobre o que non hai un control estrito do proceso de elaboración nin da contorna na que se recolecta.

O Parlamento tamén aprobou impulsar a promoción do mel producido ao amparo da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Sen resposta sobre o Pazo de Lourizán
Na comisión de Agricultura En Marea tamén formulaba hoxe unha pregunta sobre as intencións do Goberno galego en relación coa organización da investigación forestal e a inclusión do centro de Lourizán na Axencia Galega de Industria Forestal.  Na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña a Lei de orzamentos do ano 2017, inclúese, na súa disposición adicional sexta, a creación desta axencia, que, adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria, terá entre os seus obxectivos o de coordinar os centros de investigación e tecnolóxicos vinculados á industria forestal.

Cales son os obxectivos da creación da Axencia Galega da Industria Forestal? Como se quere organizar a investigación forestal en Galicia nesta lexislatura? Vaise incluír o Centro de Lourizán na AGIF?  Deulle resposta a Consellería ao escrito presentado polas traballadoras do Centro?, foron as preguntas formuladas en comisión pola deputada Paula Quinteiro. O secretario xeral técnico de Economía e Industria, Borja Verea, limitouse a dicir que o decreto de creación da axencia está en fase de redacción e que terán en conta “todos os axentes implicados” sen un compromiso firme sobre o mantemento dos postos de traballo do Centro de Lourizán.