Aprobada por unanimidade a iniciativa de En Marea para dotar dunha partida orzamentaria específica para garantir a existencia de xuíza ou xuíz aos xulgados de Violencia contra a Muller

Por o 28/02/2018 | Sección: En Marea,Política
Aprobada por unanimidade a iniciativa de En Marea para dotar dunha partida orzamentaria específica para garantir a existencia de xuíza ou xuíz aos xulgados de Violencia contra a Muller
Compartir en:

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a iniciativa de En Marea na que se pide á Xunta de Galicia que dote dunha partida orzamentaria específica para a substitución de xuízas e xuíces aos xulgados de Violencia contra a Muller da Coruña e Vigo, que garanta sempre a existencia de xuíza ou xuíz sen que se produzan suspensións das actuacións por ausencia da persoa titular do mesmo. Así mesmo, pídese dotar de medios axeitados, tanto económicos como humanos, a todos os xulgados específicos de Violencia de xénero e todos os que se se ocupen deste ámbito, para garantir os dereitos das vítimas.

Na súa intervención o voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou o retraso na toma de medidas civís e penais que afectan a todo o procedemento sendo as principais prexudicadas as mulleres. Durante o permiso da persoa titular do Xulgado de Violencia contra a Muller da Coruña suspenderanse máis de 30 declaracións e 5 vistas, que xa estaban programadas dende había meses e que quedan aprazadas ata o mes de abril.

“As políticas e decisións de todas as institucións non deben mirar cara outro lado. A violencia de xénero é un problema de toda a sociedade, e só toda a cidadanía conxuntamente, con políticas e medidas xustas e encamiñadas á súa erradicación poden dar froitos. Recortar en materia xudicial e orzamentaria, poñer menos recursos á disposición das mulleres, só implica que esta loita se desvaneza e implique desigualdades” denunciou Villares.

O Xulgado de Violencia contra a Muller da Coruña xunto co Xulgado de Violencia de Vigo son o dous xulgados específicos de Violencia contra a Muller existentes na nosa comunidade. Nos lugares onde non existen son os Xulgados de Instancia e Instrución os que coñecen destes asuntos. No caso de non existir xuíz ou xuíza substituta, coñece dos asuntos nesta materia o xulgado de garda.

No caso de Coruña a ausencia temporal da persoa titular para a realización dun curso deixou sen xuíza este xulgado pese a terse constancia desta circunstancia meses antes e aínda así non se procedeu ao nomeamento dunha xuíza substituta ata o momento no que se volveu a reincorporar ao seu posto.

O “desamparo orzamentario” como o cualifican os sindicatos do sector xustiza, ten moito que ver co desleixo e cos recortes que se producen no ámbito xudicial e especificamente no ámbito da violencia contra as mulleres, provocando un desamparo tripla as vítimas.

Para En Marea non parece moi acertado que existindo fondos non se nome unha persoa substituta, e sexa algo normalizado que o xulgado específico de Violencia de Xénero da Coruña, quede sen substituta nesta área, cando noutros xulgados si que contan case de xeito automático con persoal substituto e os eu orzamento específico para estes casos. Ademais, isto provoca un retraso na toma de medidas civís e penais, que afectan a todo o procedemento sendo as principais prexudicadas as mulleres.

Por todo o exposto o Grupo Parlamentario de En Marea presentou unha Proposición non de lei en Comisión na que se pedía que: O Parlamento de Galicia insta a Xunta a se dirixir ao Ministerio de Xustiza do Estado español para:

  1. Dotar dunha partida orzamentaria específica para a substitución de xuízas e xuíces a estes Xulgados de Violencia contra a Muller, que garanta sempre a existencia de xuíza ou xuíz titular, atendendo de forma ordinaria o xulgado, sen que se produzan suspensións das actuacións por ausencia da persoa titular do mesmo.
  2. Dotar de medios axeitados, tanto económicos como humanos,a todos os xulgados específicos de Violencia de Xénero e todos aqueles que ademais se ocupen deste ámbito, para garantir os dereitos das vítimas, dentro do marco contra a violencia machista e a vontade férrea de todas as institucións de loitar contra esta lacra da sociedade.