Aprobada por unanimidade a iniciativa de En Marea para que se implante a figura de enriquecemento inxusto ou ilegal no Código Penal

A viceportavoz de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, destacou a importancia desta medida que dotará dun instrumento a loita contra a corrupción.

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade na comisión parlamentaria de hoxe a iniciativa presentada por En Marea na que se instaba a solicitar que se implante a figura de enriquecemento inxusto ou ilegal no Código Penal como un instrumento máis de loita contra a corrupción. A viceportavoz de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, salientou o feito de que a corrupción continúa a ser unha das grandes preocupacións da cidadanía e continúa a xerar unha profunda desconfianza na sociedade no sistema político e democrático. Un sentimento que se agrava nos casos nos que o ordenamento xurídico actual resulta insuficiente para atacar esta lacra social.

“Na situación de emerxencia social na que vive o país, vemos día a día un goteo incesante de noticias nas que políticos, sobre todo do Partido Popular, servidores públicos e funcionarios están relacionados con conductas delituosas vinculadas á corrupción, coa correlativa axuda de empresarios ou particulares” explicou Carmen Santos na súa intervención en comisión.

Para a viceportavoz de En Marea no Parlamento, “resulta intolerable para o conxunto da sociedade o uso ou abuso dun cargo público para a obtención dun beneficio particular, para desta forma, incrementar o seu patrimonio de xeito ilícito”. Así, o delito de enriquecemento inxusto ou ilícito xorde para sancionar pola vía penal a aquel funcionario, cargo político ou servidor público que no exercicio das súas funcións e valéndose da súa posición, incremente o seu patrimonio persoal de forma ilícita ou inxustificada, atendendo aos seus ingresos ou rendas.

Certo é que en España conta con instrumentos legais, como, o suborno, a prevaricación, o tráfico de influencias, a apropiación indebida, a falsidade documental, a malversación de caudais públicos, o branqueo de capitais, delitos contra a Facenda pública, entre outros; cuxo fin, é castigar as condutas levadas a cabo por políticos, funcionarios ou servidores públicos que no uso do seu cargo obteñan un beneficio ilícito para si ou para terceiros; con todo, estes mecanismos resultan insuficientes e insatisfactorios para combater a corrupción dada a complexidade na súa investigación e as deficiencias probatorias.

A Administración de Xustiza atópase desbordada pola cantidade de dilixencias a practicar, a dificultade das probas documentais, pola enxeñería financeira que enmaraña todo o proceso coa presenza de contas bancarias transfronteirizas, homes de palla, paraísos fiscais, entre outros, como relatou Carmen Santos.

Aínda que este delito non se atope tipificado no noso país, si que existen referentes no Dereito internacional, que o recomenda como medida insubstituíble para loitar contra a corrupción, e no Dereito comparado, que o contempla e aplica con resultados satisfactorios. A Convención das Nacións Unidas contra a corrupción, aconsella a tipificación do delito de enriquecemento ilícito, definíndoo no artigo 20 como “o incremento significativo do patrimonio dun funcionario público respecto dos seus ingresos lexítimos que non poida ser razoablemente xustificado por el”. De forma similar, pronúnciase o artigo 9 da Convención Interamericana contra a Corrupción.

O que se pretende con esta medida é aplicar un tipo penal máis aberto e sinxelo na súa formulación, que garanta o normal e correcto funcionamento de cargos e empregos públicos; que permita combater contra a corrupción e as súas consecuencias sociais e sancione, no ámbito penal, a ilícita obtención de beneficios económicos de funcionarios, políticos ou servidores públicos.

Por todo isto, o grupo parlamentario de En Marea presentou unha proposición non de Lei en comisión parlamentaria na que o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao executivo central a implantación da figura do enriquecemento inxusto ou ilícito no Código Penal, para avanzar na loita contra a corrupción. Unha iniciativa que contou cos votos a favor de todos os grupos do Parlamento de Galicia.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM