Aprobada por unanimidade a petición de rebaixa do IVE para o peixe e o marisco proposta por En Marea

A vicevoceira de En Marea, Carmen Santos, destacou a necesidade de levar a cabo esta redución co fin de facilitar o acceso aos produtos do mar a esa metade da cidadanía que a día de hoxe non pode consumir peixe nin tan sequera como recomendan os expertos debido ao seu elevado prezo.
Publicado por o día 10/10/2017 na sección de En Marea,Galicia,Política

Aprobada por unanimidade a petición de rebaixa do IVE para o peixe e o marisco proposta por En Marea

O grupo parlamentario de En Marea presentou hoxe na comisión de pesca unha proposición non de lei na que se defendía á necesidade de reducir o Imposto de Valor Engadido dos produtos pesqueiros e marisqueiros do 10 por cento ao 4 por cento. A vicevoceira de En Marea no Parlamento, Carmen Santos, destacou na súa intervención o valor dos produtos do mar como base para garantir unha alimentación saudable. Por este motivo, os expertos da materia indican que o recomendable é comer peixe entre tres e catro veces por semana, sen embargo, máis da metade dos cidadáns recoñecen que non chegan a cubrir estas recomendacións. Existen casos extremos como que o 6 por cento das persoas indican que nunca toman pescado, mentres que aqueles que só o fan unha vez á semana chega ao 30 por cento.

A tendencia nos últimos anos indica que o consumo, tanto de pescado como marisco, estase a reducir. De feito, segundo os datos do Ministerio de Agricultura e Pesca entre os anos 2013 e 2016 a cantidade de produtos pesqueiros consumidos nos fogares baixou un 3,18 por cento en Galicia e un 9,23 por cento no resto do Estado español. Consumir menos peixe e marisco do recomendable é un dos factores que pode provocar problemas graves para a saúde polo que pódese dicir que “inxerir peixe coa frecuencia recomendada suporía un aforro tamén no gasto sanitario”. Segundo o informe elaborado pola ONG Xustiza Alimentaria Global, cada ano morren en España 90.000 persoas por enfermidades relacionadas con unha alimentación insán.

Un dos problemas principais polo que as persoas reducen o consumo de peixe e marisco é polo seu elevado custo tal e como destacou a vicevoceira de En Marea na súa intervención. “Existe unha relación directa entre o poder adquisitivo e o consumo de produtos do mar, xa que aqueles fogares que ingresan menor cantidade de cartos tamén consumen menos peixe e marisco” asegurou.

Desde En Marea consideran que os produtos do mar representan un dos eixos fundamentais para garantir unha dieta saudable. “Que actualmente estes produtos teñan un IVE do 10 por cento é excesivo, xa que se debería pasar ao 4 por cento para equipararse a produtos básicos tales como o leite, pan, froitas ou verduras, entre outros” defendeu Santos. Os propios mariñeiros, mariscadoras e peixeiros levan anos insistindo nesta petición.

Por todo isto, o grupo parlamentario de En Marea considera necesario que o Parlamento de Galicia inste á Xunta para que inste ao Goberno central a que se reduza o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) para produtos pesqueiros e marisqueiros do 10 por cento ao 4 por cento escoitando ás peticións do sector e facilitando que se podan cumprir as recomendacións dos expertos. Unha proposta que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos parlamentarios que sinalaron ademais o sensato e oportuno da iniciativa presentada por En Marea.

COEFICIENTE DE REDUCIÓN DA IDADE DE XUBILACIÓN

O deputado de En Marea, Juan Merlo, foi o encargado de defender a proposición non de lei na que o seu grupo solicita que o Goberno galego leve a cabo as medidas que sexan precisas para recoñecer que os palangreiros, cerqueiros e arrastreiros constitúen frota conxeladora e que, polo tanto, teñen dereito ao máximo coeficiente redutor nas súas pensións.

O deputado Juan Merlo na súa intervención denunciou a intención do PP de agochar os recortes aos dereitos á xubilación dos mariñeiros disfrazándoos de “obrigas provenientes de Bruxelas”. “Novamente o Goberno tira a pedra e esconde a man para non se facer responsable do desmantelamento dun sector estratéxico para Galicia” denunciou Merlo. A intención do Estado español ten a intención manifesta de non respectar o coeficiente redutor que lle correspondía a unha gran parte da flota galega poderá supor como explicou o deputado de En Marea o retraso na idade de xubilación de milleiros de mariñeiros galegos.

Cabe lembrar que os coeficientes redutores, que permiten que os traballadores se retiren antes dos 65 anos cobrando a pensión íntegra, “non son privilexios, senón dereitos conquistados que compensan as durísimas condicións de certas actividades profesionais” defendeu Merlo. Segundo as centrais sindicais, a decisión do Goberno de non aplicar ás persoas que traballan na frota conxeladora galega o coeficiente redutor do 0,4 figura nunha circular interna do Instituto Social da Mariña (ISM).

Este sería o desenlace a unha disputa que leva prolongándose dende fai tres anos, cando se detectaron moitos casos de mariñeiros aos que lles faltaban anos de cotización para xubilarse porque a Dirección Xeral da Mariña Mercante lles modificara os coeficientes redutores. Para tentar solucionar o asunto, a Mariña Mercante e a Capitanía Marítima pediu aos armadores a documentación que certificaba que os buques eran efectivamente conxeladores. A pesar de que isto foi constatado, o ISM continuou aplicando coeficientes redutores menores do debido.

Por todo isto, o grupo de En Marea presentou unha iniciativa na que se pide ao Parlamento que inste á Xunta a realizar as medidas oportunas que permitan recoñecer que os palangreiros, cerqueiros e arrastreiros constitúen frota conxeladora e que, polo tanto, teñen dereito ao máximo coeficiente redutor. Así mesmo, pídese solicitar ao Goberno do Estado a que realice as accións oportunas para manter os coeficientes redutores dos mariñeiros e mariñeiras que traballan na frota conxeladora, nos termos en que os viñan desfrutando con anterioridade.

A iniciativa de En Marea foi apoiada por todos os grupos menos polo Partido Popular que optou por mirar cara outro lado obviando a un sector fundamental para o noso país.