Aprobadas as bases para o reparto de composteiros individuais

Está prevista a entrega de 8.000 composteiros individuais, que comenzará a finais de agosto na parroquia de Tomeza
Publicado por o día 12/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Aprobadas as bases para o reparto de composteiros individuais

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, anunciou que veñen de ser aprobadas as bases para fomentar a implantación da compostaxe, que suporá o reparto de 8.000 composteiros individuais nas parroquias do Concello. Segundo a previsión inicial, o reparto podería comezar a finais de agosto ou principios de setembro e a primeira parroquia na que se inicie esta folla de ruta será Tomeza.

Anabel Gulías asegurou que a aprobación destas bases “era un paso necesario para o que consideramos vai supor unha revolución no tema de entender a xestión dos residuos a partires de agora”. A portavoz lembrou que xa na semana pasada o concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, daba a coñecer a posición do Concello con respecto aos obxectivos da Estratexia Galega de Economía Circular, lembrando que xa se cumpren os obxectivos en materia de compostaxe que a Xunta sinala para 2030. “Podemos presumir de estar xa por diante pero non nos conformamos coas marcas que temos actualmente, senón que para nós é unha prioridade política despregar este sistema de tratamento de residuos no noso Concello” afirmou Gulías.

O despregue de composteiros individuais comezará toda vez que o documento regulador das bases aprobado hoxe en Xunta de Goberno pase o trámite na base estatal de subvencións e sexa publicada no BOPPO, trámite que se espera que estea completado no prazo dunha semana e media. Tras a publicación das bases, ademais dos repartos programados polas parroquias, calquera veciño ou veciña do Concello poderá solicitar por Rexistro o seu composteiro individual durante o prazo dun ano.

Anabel Gulías explicou que o reparto comezará en Tomeza, parroquia na que xa se realizaron charlas informativas, e que continuará nunha primeira fase por Salcedo, e nunha segunda por Campañó. O procedemento basearase na realización de novas charlas informativas nas parroquias para acadar a participación activa da veciñanza. Nestas sesións informativas, os veciños e veciñas que se sumen ao programa e soliciten o seu composteiro individual asinarán unha declaración responsable na que se comprometen a facilitar o seguimento do proceso por parte do Concello e da empresa reponsable. O seguimento será realizado polo persoal profesional e formado especificamente (mestres composteiros).

Comentar noticia

Your email address will not be published.