Aprobadas novas achegas por valor de preto de 250.000 euros para Barro e Moraña

Ambos os dous concellos utilizarán estes cartos para financiar a súa parte de inversión nos proxectos que presentaron ao Plan de Reequilibrio da Deputación de Pontevedra
Publicado por o día 23/05/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

Aprobadas novas achegas por valor de preto de 250.000 euros para Barro e Moraña

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dúas novas achegas para os concellos de Barro e Moraña, ao abeiro da liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018, por un total de 249.513,42 euros.  Este investimento supón a aportación que ambos municipios  deben facer para os seus proxectos enmarcados no Plan de Reequilibrio, ao que hai que sumarlle as cantidades aprobadas do propio Plan o que significa que o cen por cen das dúas obras van ser sufragadas con fondos da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva subliñou que o goberno provincial acude en axuda de todos os concellos “sen ver a súa cor política” para abordar infraestruturas necesarias para a súa veciñanza.

Así o abeiro do Plan Concellos 2018 Barro recibirá da Deputación de Pontevedra 71.851,79 euros cos que poderá financiar a súa parte do proxecto de mellora da accesibilidade e humanización da Praza de Barciademera. O resto tamén será financiado co Plan de Reequilibrio da institución provincial ate o total da obra que é de 358.488,72€. Con esta achega, Barro xa ten recibido, co Plan Concellos 2018, 201.787,64 euros dos 732.926,86 que lle corresponden este ano, un 75,14% máis que en 2017.

Pola súa banda, a Deputación achegará a Moraña 177.815,67 euros para levar a cabo a rehabilitación e ampliación do antigo mercado municipal, que será destinado a un Edificio Socio-Cultural Multiusos.  Xa tiña concedida unha axuda de 711.262,66 euros ao amparo do Plan de Reequilibrio para esta mesma obra, cuxo custe total é de 889.078,33 euros. Finalmente é a Deputación quen financia ao cen por cen este nova infraestrutura para os veciños e veciñas de Moraña. Este investimento súmase aos que recibirá anteriormente e xa ten recibido 321.868,91 euros dos 809.975,01 € que lle corresponden ao abeiro do Plan Concellos 2018.