A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o proxecto de ampliación da rede de abastecemento á parroquia de Marcón por valor de 4.337.626,97 euros. Está incluído dentro das melloras do novo contrato da Auga, cuxas obras xestiona o concelleiro Raimundo González Carballo, que fai unhas semanas presentou o primeiro proxecto de abastecemento a cargo de aquel contrato: o abastecemento da parroquia de Mourente, do Novo Hospital Montecelo e de Príncipe Felipe cun custe de 4,6 millóns.
Polo tanto, na actualidade o Concello ten aprobado un investimento de 8.951.857 euros nos novos abastecementos das parroquias de Marcón e de Mourente, case o 30% dos máis de 30 millóns que está previsto que o Concello invista no abastecemento do rural nas parroquias de Lourizán, Marcón, Mourente, Salcedo, Tomeza e Bora. Estes primeiros 9 millóns de euros darán servizo a 1.058 vivendas en total.
A portavoz de Goberno, Anabel Gulías explicou ao remate da Xunta de Goberno que o abastecemento de Marcón atenderá a 448 vivendas dos lugares de Vilafranca, Pazos, A Ermida, Marcón, Ría de Arriba, A Barcia, A Cardosa, Ría de Abaixo, Freixeiro, A Raxeira e Moldes. A condución afectará ás estradas PO-532 e PO-542.
As dúas zonas que quedan excluídas son os lugares de Pintos e A Peralba ao atoparse en cotas máis altas que o depósito de Castrosenín, do que chegará á condución por gravidade. De todos os xeitos, xa está en estudo completar estes lugares.
O proxecto ten un prazo de execución de 24 meses.
A portavoz do Goberno, Anabel Gulías pediu desculpas anticipadas polas molestias que poidan causar durante a execución da obra e destacou a aposta decidida do Goberno Local polo rural.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.