Aprobado o proxecto para a rehabilitación de Cruz Verde 12

Francisco Javier Pardo Espiñeira substitúe a David Regades como vicepresidente do Consorcio
Por o 29/08/2018 | Sección: Galicia,Vigo
Aprobado o proxecto para a rehabilitación de Cruz Verde 12
O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo ( CCVV), reunido esta mañá baixo a presidencia de Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta de Galicia en Vigo, aprobou o proxecto técnico para a rehabilitación do edificio situado na rúa Cruz Verde 12 de Vigo. Esta decisión supón a inmediata posta en marcha do proceso de licitación dun novo proxecto do CCVV, organismo integrado en en 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun dez por cento polo Concello de Vigo, que permitirá a creación nesta zona do Casco Vello Alto de dúas novas vivendas unifamiliares e un local comercial, segundo un deseño elaborado por Beatriz Sierra Sobrino.
 
A intervención, terceira do organismo rehabilitador nesta mesma rúa, realizarase sobre un solar de 140,65 metros cadrados, adquirido en xullo de 2016. O Consorcio tivo que proceder posteriormente ao baleirado do edificio preexistente dado o seu mal estado de conservación. Conta cun orzamento de 378.556 (ive incluido) euros para crear dúas novas vivendas -de dous dormitorios- e un local comercial, que sumarán un total de 264,93 metros cadrados construídos. A súa conclusión serán un total de oito as vivendas rehabilitadas na rúa Cruz Verde por parte do CCVV, xa que en 2010 construíronse cinco no número 5 e na actualidade atópanse moi avanzadas as obras de rehabilitación de Cruz Verde 8, que sumará unha nova vivenda e un local comercial.
 
Por outra banda, o Consello de Administración do Consorcio Casco Vello, reunido con anterioridade ao comité executivo, acordou a designación do concelleiro do Concello de Vigo Francisco Javier Pardo Espiñeira como integrante deste organismo en representación do Grupo Socialista e en substitución de David Regades Fernández. O novo membro do Consello de Administración ostentará a condición de vicepresidente do CCVV, cargo que tamén ocupaba o seu antecesor.

Comentar noticia

Your email address will not be published.