Aprobado o proxecto de reforma integral da estrada Puxeiros – Peinador en Mos

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o orzamento supera os 632.000 euros.
Por o 11/11/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Mos
Aprobado o proxecto de reforma integral da estrada Puxeiros – Peinador en Mos

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar hoxe en Xunta de Goberno o proxecto de reforma integral para mellorar a seguranza viaria da estrada EP-2603 no Concello de Mos. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explica que o orzamento da actuación supera os 632.000 euros e permitirá rehabilitar de xeito estrutural a totalidade dos 2,8 quilómetros do firme, renovar o abastecemento de auga, e instalar elementos de calmado de tráfico, sistemas de contención para motoristas e nova iluminación.

Esta actuación realízase grazas ao convenio asinado hai xusto un mes entre a Deputación e o Concello, no que se establece que a institución provincial financiará 546.364,20 euros e o goberno local 86.493,11 euros. As obras suporán unha mellora moi necesaria da seguranza viaria na vía, que é a terceira con máis intensidade media diaria de vehículos de toda a rede provincial, soportando o paso de 8.000 vehículos diarios, dos que o 10% son de grandes dimensións.

Segundo Benítez, “a estrada ten unha grande capacidade vertebradora no municipio e na área metropolitana de Vigo, xa que conecta co aeroporto e vías de alta capacidade, tamén chega ata ao aeroporto, ao IFEVI e á zona industrial do Rebullón. Ante todo este tránsito, era de recibo por parte da Deputación actuar para aumentar a seguranza viaria”.

O proxecto terá un ámbito de actuación que abrangue toda a estrada (2.759 metros de lonxitude). A principal obra consistirá na mellora estrutural do firme, que será fresado para estender un novo aglomerado nos tramos máis urbanizados -con maior desgaste da capa de rodaxe- e nas interseccións. En canto ao calmado do tráfico, proxéctanse dous novos pasos de peóns sobreelevados (PPS) no núcleo urbano de Puxeiros, nos puntos quilométricos 0+055 e 0+220, que soportan un tráfico importante.

Tamén se instalarán sistemas de protección de motociclistas -de tipo continuo- en substitución das biondas existentes, que supoñen un elemento de contención perigoso, e tamén nos treitos de curvas que sexa necesario. No canto da sinalización horizontal e vertical, limitarase as velocidades a máximos de entre 50 e 30 quilómetros por hora e remarcaranse os pintados lonxitudinais, transversais, inscricións, e outros.

Como actuacións complementarias inclúese a instalación dun novo punto de luz no medio da actual glorieta de Puxeiros, xa que o sistema actual é claramente insuficiente: apenas hai puntos de luz nos ramais de saída ao aeroporto e cara á avenida Peinador, cando a glorieta ten máis de 30 metros de diámetro. No proxecto inclúese unha nova columna de 10,5 metros de altura con catro brazos nos que se instalarán catro luminarias de aceiro e aluminio.

Por outra parte, dado que a actual tubaxe municipal de abastecemento de auga que sae da glorieta de Puxeiros cara Peinador pola marxe dereita da estrada – que sufre numerosas roturas en diferentes puntos, provocando o deterioro de firmes e pavimentos-, substituirase por outra que soporte mellor a presión da auga con sección diferente en función dos treitos.

Finalmente, para evitar os problemas de asolagamentos nas interseccións da EP-2603 co Camiño do Monte Canal e coa rúa que cruza a vía no punto 0+160, colocaranse sumidoiros de rexa continua no largo completo dos ramais de enlace conectados á rede de pluviais. Así mesmo, realizaranse as correspondentes actuacións de drenaxe nos novos PPS.

Unha vez aprobado o proxecto nesta última Xunta de Goberno, iniciarase o proceso de contratación, polo que as obras poderán comezar, se todos os prazos seguen segundo o previsto, no primeiro trimestre do ano.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.