Apróbase no Congreso a proposición de En Marea para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Miguel Anxo Fernán Vello lembrou a unanimidade existente en Galiza sobre esta candidatura e describiu a beleza dun “espazo xeográfico natural e histórico”.
Publicado por o día 21/12/2016 na sección de En Marea,Política,Vigo

Apróbase no Congreso a proposición de En Marea para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

A Comisión de Cultura do Congreso deu luz verde esta tarde á iniciativa plantexada polo deputado por Lugo de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, para que se impulse a Candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra.

Todos os grupos apoian a iniciativa de En Marea, polo que está previsto que cando remate a Comisión (a última hora desta tarde) sexa aprobada por unanimidade. En aras dese acordo unánime, o deputado de En Marea aceptou consensuar un acordo co grupo popular xa que non se variaban os termos da demanda defendida na Proposición Non de Lei por Miguel Anxo Fernán Vello. Así, ínstase ao Goberno central e á Xunta de Galiza a defender esta Candidatura nas instancias internacionais oportunas, previo acordo do Consello de Patrimonio Histórico e do seu grupo de traballo.

Fernán Vello resaltou as características da Ribeira Sacra no Congreso 

Na súa intervención perante a Comisión, o parlamentar de En Marea resaltou as características deste “grande espazo xeográfico natural e histórico, tamén económico, de grande beleza, que nos seus 700 quilómetros cadrados abarca as Ribeiras do río Sil e do río Miño no sur da provincia de Lugo, colindante no norte coa provincia de Ourense”.

Miguel Anxo Fernán Vello describiu “os imponentes Cañóns do Río Sil, dunha beleza stendhaliana, esculpidos en 12 quilómetros de val profundo e marcado por grandiosas paredes pétreas”. Mencionou a denominación latina de resonancias medievais, “”Rivoira Sacrata”, para tomar a definición de Otero Pedrayo sobre “unha paisaxe que foi traballada polo azar e o tempo dun modo inconscientemente artístico, unha paisaxe heroica chea de tesouros naturais e biolóxicos, un dos ecosistemas máis ricos da Europa actual”.

O parlamentar de En Marea puxo de manifestó que a Ribeira Sacra leva dúas décadas sendo aspirante á declaración de Patrimonio da Unesco, e criticou que “a día de hoxe todo siga diluido en anuncios, xestos, trámites incompletos ou fases varias de paralización”. Lembrou  que é unha das Candidaturas máis antigas inscritas na Lista Indicativa do estado español.

Neste sentido, rememorou pasadas proposicións aprobadas nesta Comisión de Cultura sobre este tema.

Ademáis, fixo valer a unanimidade existente en Galiza en relación a esta demanda, citando ás deputacións de Lugo e de Ourense, ao Valedor do Pobo, e “até quero crer que tamén a Direción Xeral de Patrimonio da Xunta, aínda cando continúe a retrasar a declaración de BIC da Ribeira Sacra, trámite necesario posto que máis do 90% dos Benes recoñecidos no estado como Patrimonio da Humanidade están catalogados como BIC”.

Miguel  Anxo Fernán Vello pediu axilización para poñer en valor, non só a beleza natural, senón tamén o status ecolóxico e a realidade económica desta zona”. Nese sentido, explicou a importanza do sector vitivinícola, coa súa denominación de orixe.

Finalmente, o deputado de En Marea salientou o importante patrimonio desta área que inclúe 10 mosteiros, 203 igrexas, 121 capelas, 16 pazos, 25 torres, 5 pontes, 10 ermitas, 5 prioratos e 3 santuarios”. En conclusión, afirmou que existen argumentos sobrados para que se efectivice esta candidatura para que no 2017 “sexa unha feliz  realidade”. Rematou explicitando que darlle ás a este proxecto “é máis que un acto de xustiza poética, é un acto de xustiza material, e como dicía o xurista romano, consiste en darlle a cada cal e polos seus méritos, o seu”.