Apuran a reparación dunha avaría na rede de auga potábel na galería de servizo

Rexistrouse esta mañá sobre as 12.00 horas na avenida do Uruguai. Afecta aos concellos de Marín e Bueu, que confirmaron que se poden abastecer de fontes alternativas.
Publicado por o día 04/07/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

Apuran a reparación dunha avaría na rede de auga potábel na galería de servizo

A empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga de Pontevedra, Viaqua detectou esta mañá, sobre as 12.00 horas, unha avaría na rede de abastecemento de alta en Pontevedra, con afectación aos concellos de Marín e Bueu. Trátase dunha avaría localizada na galería de servizos da avenida de Uruguai, fronte á rúa Irmáns Nodais, na
contorna das Corvaceiras. Está na conducción de fundición de 500 mm.

Neste momento os operarios da concesionaria están a avaliar o dano rexistrado. Para iso, previamente foi necesario o baleirado parcial da galería e acceder cun equipo de mergulladores e técnicos da empresa. Localizouse un desprazamento de dúas tubaxes que perderon as suxeicións, e consecuentemente, produciuse unha fuga nunha das xuntas. A complexa avaría afecta aos abastecemento dos concellos de Marín e Bueu, pero o Concello de Pontevedra xa mantivo contactos cos dous consistorios, que lle confirmaron a posibilidade de subministrarse por vías alternativas. A única zona que realmente se ve afectada é a de Seixo, en Marín.

Segundo a información da que dispón a Concellaría do Ciclo da Auga e a concesionaria Viaqua, o Concello de Marín ten reservas de auga nos depósitos de Pedreiras e Cadrelo, e mantén o subministro da Escola Naval. En Bueu, tamén se informou da posibilidade de abastecerse de depósitos e achegas de mananciais propios. Dende o primeiro momento, a Concellaría do Ciclo da Auga, que xestiona Raimundo González, estivo ao corrente da importancia do sucedido e está en permanente contacto coa empresa concesionaria para coñecer o alcance da avaría e as posibilidades de arranxo, que debido á súa complexidade poderá prolongarse varias horas.