‘Aquí cántase’, a convocatoria popular para cantar nas prazas da cidade, dá o pistoletazo de saída ás Festas da Peregrina

O percorrido comezará ás 21h na praza da Ferraría e rematará na praza da Leña, tras pasar por Curros Enríquez e polas escalinatas do Teatro Principal
Publicado por o día 07/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

‘Aquí cántase’, a convocatoria popular para cantar nas prazas da cidade, dá o pistoletazo de saída ás Festas da Peregrina

Este venres, 9 de agosto, ás 21h na praza de Ferraría, comezará a terceira edición de ‘Aquí Cántase’, a convocatoria popular para cantar nas prazas da cidade coa que se dá o pistoletazo de saída ás Festas da Peregrina. Esta actividade foi presentada esta mañá pola concelleira de Festas, Carme da Silva, e polos membros da Asociación Maravallada, Manuel Espiño e Mariluz Rodríguez, e os tres coincidiron en que se espera un incremento da participación de público tras as experiencias dos dous anos anteriores.

Precisamente en previsión deste incremento de público, desde a Asociación Maravallada tamén se incrementará o letras impresas que se repartirán para que o público siga o repertorio, e que ascenderá a 1.200, posto que o ano anterior foran repartidas 1.000 e, segundo indicou Manuel Espiño “na segunda praza xa non quedaba ningunha”. Sobre o espírito desta actividade, Carme da Silva lembrou que “esta é unha cita para todas as persoas que se animen a cantar” incidindo en que “non hai que cantar ben, só hai que ter ganas de cantar”.


A concelleira explicou que esta actividade ten dúas fases. Unha de ensaio, que este ano se desenvolveu nos centros sociais do Gorgullón e de Santo André de Xeve durante os meses de maio, xuño e xullo, e que rematou nun ensaio xeral o pasado 1 de agosto no centro social de Salcedo. No ensaio xeral xuntáronse os dous grupos que viñan ensaiando regularmente co obxecto de levar o peso do repertorio o vindeiro venres. A segunda fase, é o percorrido cantado polas rúas e prazas do día 9, que dará comezo na praza da Ferraría e continuará pola praza de Curros Enríquez e pola escalinata do Teatro Principal para rematar na praza da Leña. Todo este percorrido estará amenizado con pasarrúas a cargo de Treboada do Baixo Miño.

“A filosofía é actuar como correa de transmisión para xuntar a maior cantidade de xente posible cantando polas rúas as cancións de sempre” asegurou Manuel Espiño. Explicou que, das 20 cancións que conforman o repertorio, nesta ocasión se introduciron 4 novas “para motivar máis ao público”. Segundo Espiño, e atendendo á experiencia de anos anteriores “vemos que á xente lle encanta cantar pero ás veces non saben as letras completas”, situación que se solventará co reparto das letras impresas co obxecto de recuperar o canto tradicional galego e o espírito festivo desta práctica de forma comunitaria

Comentar noticia

Your email address will not be published.