“A árbore da escola”, este venres en LIBROS PARA SOÑAR

Publicado por o día 25/11/2016 na sección de Cultura

“A árbore da escola”, este venres en LIBROS PARA SOÑAR

LIBROS PARA SOÑAR presentará mañá venres, a partir das 18:30 horas, o libro “A árbore da escola”, do escritor, comunicador ambiental e ornitólogo coruñés Antonio Sandoval. Trátase dun álbum infantil, ilustrado polo Premio Nacional Emilio Urberuaga, que conta a relación entre un neno e unha pequena árbore que vai medrando no patio do colexio grazas ao agarimo que recibe do rapaz e ao afecto doutros compañeiros que seguen o seu exemplo.

Ademais deste título, o repertorio da sesión de contacontos completarase con outros relatos sobre árbores: “Piñeiro” da colección “Do berce á lúa” para pre-lectores, “Boas noites, bufo!” protagonizado polos animais do bosque; e o conto tradicional “O poliño da abeleira”. O encontro, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos, completarase cun obradoiro de plástica no que o público debuxará figuras de animais a partir da forma das follas das árbores.

Con esta actividade, LIBROS PARA SOÑAR mantén a súa aposta pola relación entre infancia e natureza. Así, “A árbore da escola” trata sobre a importancia da educación ambiental, o contacto directo do alumnado coa natureza para a súa formación integral, e o espírito colaborativo na comunidade docente.

Nas páxinas deste libro comprímese o longo proceso de crecemento dunha árbore ao longo dos anos. De xeito simbólico, tamén se concentra nun mesmo grupo de nenos e nenas a acción voluntaria de protexer a árbore. Asemade, o autor aspira a que esta proposta teña continuidade noutras escolas, facendo viaxar a súa semente e, con ela, a conciencia social de respecto ao medio ambiente e ao planeta.

“A árbore da escola deste libro é o emblema de como un proxecto educativo novidoso e integrador, cando se mima de verdade, medra e medra e acaba por chegar a outras escolas”, ten explicado Antonio Sandoval, do que destaca a súa experiencia en proxectos de educación ambiental, interpretación do patrimonio e turismo de natureza, ademais de estar vencellado a varias organizacións de estudo e conservación do medio natural.

O intenso colorido das ilustracións, a expresividade de cada páxina e a presenza de elementos alleos ao texto que enriquecen a lectura visual, son algunhas das achegas de Emilio Urberuaga -creador da imaxe do célebre Manolito Gafotas- na súa proposta plástica.